Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación destina 22.000 euros a Raiolas para a atención de 65 usuarios e as súas familias

Raiolas
discapacidade
O Presidente da institución provincial e a presidenta da Asociación de Pais, Nais e Persoas con Trastornos do Espectro Autista e Trastornos de Comunicación Social renovaron a colaboración con este colectivo

José Tomé puxo en valor o traballo que realiza Raiolas Lugo na atención dos seus usuarios e usuarias e na loita por conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a presidenta da Asociación Raiolas Lugo (Asociación de Pais, Nais e Persoas con Trastornos do Espectro Autista e Trastornos de Comunicación Social), Mª Inés Flores Lozano, renovaron este venres na Sala de Xuntas da Deputación a colaboración que mantén a institución provincial con esta entidade por un total de 22.000 euros. A través desta axuda Raiolas Lugo prestará atención especializada a un total 65 usuarios e usuarias con TEA (Trastorno do Espectro Autista), e en consecuencia as súas familias. 

José Tomé amosou o compromiso que mantén a Deputación coa atención das persoas con capacidades diferentes e puxo en valor o traballo que realiza Raiolas Lugo na loita por conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria. “Sumamos esforzos co fin de mellorar a calidade de vida e de benestar dos seus usuarios a usuarias e en consecuencias das súas familias”, destacou o Presidente.

Co programa Apoio en Contextos Naturais co que colabora a Deputación, Raiolas presta un servizo de apoio ás persoas con TEA e as súas familias nos propios domicilios ou naqueles lugares que se acorde. O obxectivo é proporcionarlles un servizo de apoio ou guía para que os usuarios e usuarias desenvolvan ao máximo as súas capacidades, facilitando a comunicación ou a comprensión das súas necesidades por parte das familias. 

O obxectivo é mellorar a calidade de vida, favorecendo a creación e o mantemento dun clima familiar equilibrado, que potencie as relacións positivas e de desenvolvemento para todos os membros da unidade familiar. 

Centro de Día
A Deputación cedeu a Raiolas Lugo o local da antiga gardaría do Campus, de xeito gratuíto, para a construción do 1º Centro de Día de Autismo da provincia. A institución provincial financiou con 111.500 euros a execución das obras, que consistiron no acondicionamento e adecuación do local para dotar á provincia do primeiro centro destas características. A día de hoxe as obras están rematadas e á espera de realizar a solicitude de permisos á Xunta de Galicia. Os usuarios e usuarias deste centro recibirán atención especializada de terapia psicopedagóxica, terapia ocupacional, logopedia ou actividades que os preparen para a vida en sociedade e a vida laboral.

Raiolas
A Asociación Raiolas nace no ano 2000 co principal obxectivo de por en marcha un servizo de apoio na provincia para persoas con Trastornos do Espectro Autista/Trastornos de Comunicación Social, prestándolles atención individualizada en varios niveis psicoloxía, psicopedagoxía e logopedia. Ademais, realizan actividades de intervención grupal e obradoiros, e prestan un servizo de asesoramento as súas familias co fin de orientalas e garantir un clima de confianza para xerar un ambiente óptimo.