Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Breogán e Palencia xogarán este sábado o Torneo Lugo é Basket, organizado pola Asociación Xuvenil Sagrado Corazón coa colaboración de Deportes

CB Breogán
LUGO É BASKET
ÁREA DE DEPORTES
EFRÉN CASTRO
Será o último encontro da pretempada para o equipo celeste, que disputará o primeiro partido da LEB Ouro o 18 de outubro

O deputado de Deportes Efrén Castro, o director xeral do CB Breogán Tito Díaz e o coordinador deportivo da Asociación Xuvenil Sagrado Corazón Rubén Engroba presentaron este xoves a sétima edición do Torneo Lugo é Basket, que enfrontará a CB Breogán e Destino Palencia o vindeiro sábado 10 de outubro ás 19.00 horas no Pazo dos Deportes.

Dadas as restricións que pesan sobre o Concello de Lugo, prolongadas este mesmo mércores pola Xunta de Galiza, o encontro xogarase sen público. Poderá seguirse en liña a través da páxina web de El Progreso, como outros encontros disputados esta pretempada polo Breogán.

O deputado de Deportes agradeceu “tanto ao Bregoán como á Asociación Xuvenil Sagrado Corazón o esforzo feito para sacar adiante o partido, malia as restricións marcadas polos protocolos sanitarios que, loxicamente, temos que cumprir  para preservar a saúde de todas as persoas. O deporte debe ser exemplo tamén de cara a sensibilizar á cidadanía no seguimento dos protocolos sanitarios”.

Rubén Engroba referiuse ao “gran nivel deportivo do encontro xa que os dous equipos que se enfrontan son serios candidatos a lograr o ascenso a ACB ao final da temporada”. Explicou así mesmo que nas vindeiras semanas o torneo Lugo é Basket terá unha edición infantil, con equipos desta categoría de base.

O director xeral do Breogán destacou que “será o último encontro da pretempada para o equipo” e quixo remarcar que “en canto se levanten as restricións, o Pazo será un lugar seguro”.