Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente visita as obras da nova área de lecer e deportiva de Pol, para as que a Deputación achega 330.000€

José Tomé Roca
Pol
área deportiva
Visita área de lecer e deportiva de Pol
José Tomé subliña que esta colaboración é unha mostra do compromiso da institución provincial coa cooperación cos concellos para sacar adiante iniciativas coma esta, “que redundan na mellora dos sevizos públicos e, polo tanto, da calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas”

“O mero feito de acometer estas obras neste momento ten xa en si un efecto positivo na economía e no emprego. E nun futuro próximo, os veciños de Pol disporán dun novo equipamento que, ademais de ampliar a oferta de servizos públicos, vai axudar a dinamizar a vida social, deportiva e económica deste municipio”, asegurou o Presidente

As instalacións, que se acondicionan en Mosteiro nun terreo de 38.000m² situado no entorno do pavillón municipal, o colexio e a piscina, inclúen un campo de fútbol de herba natural e unha zona de xogos con pistas de billarda, bolos, petanca, pádel, xogos de mesa e unha tirolina

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o Alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, visitaron este xoves as obras de construción dun novo campo de fútbol e dunha área de lecer e deportiva en Mosteiro. A colaboración da Deputación con estas actuacións impulsadas polo Concello ascende a preto de 330.000€, entre dous convenios e a aportación a través do Plan Único 2019.

Tomé Roca subliñou que “a Deputación de Lugo ten o firme compromiso de colaborar con todos os concellos da provincia para sacar adiante proxectos que redundan na mellora dos sevizos públicos e, polo tanto, que melloran a calidade de vida e o benestar dos veciños e das veciñas”. Ademais, o Presidente recordou que este compromiso fíxose realidade co Concello de Pol coa posta en marcha da residencia, ofrecendo “unha atención de calidade e próxima aos maiores, ademais de crear riqueza e emprego neste concello, e tamén o facemos realidade apoiando este importante proxecto para a creación dunha gran área de lecer e deportiva en Mosteiro”. 

O mandatario provincial engadiu que “Deputación e concellos traballamos xuntos para poder sacar adiante iniciativas como esta, dunha contía económica considerable, que as administracións locais non poderían asumir en solitario. Nos tempos de crise como o que nos toca vivir pola pandemia, é fundamental a cooperación e manter ferramentas como o Plan Único, que garanten unha achega de fondos ós concellos dun xeito transparente e con criterios obxectivos”.

“As obras públicas son un elemento máis á hora de loitar contra os efectos económicos derivados da Covid-19. Así que o mero feito de acometer estas obras neste momento ten xa en si un efecto positivo na economía e no emprego. E nun futuro próximo, os veciños e veciñas de Pol disporán dun novo equipamento que, ademais de ampliar a oferta de servizos públicos, vai axudar a dinamizar a vida social, deportiva e económica deste municipio. Este espazo pode xuntar ademais xeracións de mozos e maiores, incentivando así a convivencia e a creación de comunidade”, engadiu o Presidente. 


Por outra banda Lino Rodríguez agradeceu a colaboración da Deputación para poder levar a cabo estas actuacións en Mosteiro e subliñou que “ o concello de Pol nunca tivo un campo de fútbol propio”. “Agora estamos nunha situación de obras que espero que en novembro aproximadamente  estean finalizadas ou bastante avanzadas” engadiu o Alcalde.

Características
O proxecto impulsado polo Concello de Pol para a creación dunha nova área de lecer e deportiva en Mosteiro desenvólvese nun terreo de 38.000 m². As instalacións, que están preto do pavillón municipal, o colexio e a piscina, inclúen un campo de fútbol de herba natural e unha área de xogos.  O campo de fútbol contará cunhas dimensións de 105x68 metros de terreo de xogo, máis de 1,5 metros de bandas nos laterais e 2,5 metros nos fondos. A zona de xogos constará de pistas de billarda, bolos, petanca, pádel, xogos de mesa e unha tirolina.