Deputación de Lugo
Medio ambiente

Os concellos de Pedrafita e As Nogais aspiran a entrar na Reserva da Biosfera dos Ancares

Pilar Garcia Porto
Reserva da Biosfera
Reserva Ancares
Na reunión da xerencia do espazo recoñecido pola UNESCO celebrada esta mañá en Cervantes, na que participou a voceira socialista da Deputación,acordouse integrar no órgano de participacióna asociación SER, presidida polo cineasta Óliver Laxe

O órgano reitor da Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá acordou este luns nunha reunión celebrada en San Román de Cervantes estudar a ampliación da zona protexida a As Nogais e Pedrafita. Ambos concellos manifestaron o seu interese en integrarse na Reserva da Biosfera e teñen unha porcentaxe elevada do seu territorio incluída na Rede Natura 2000, As Nogais case do 40% e Pedrafita máis do 98%. De saír adiante, a ampliación favorecería a conexión coas Reservas de Terras do Miño e Río Eo-Oscos e Terras de Burón, e tamén coa futura da Ribeira Sacra e o Xeoparque das Montañas do Courel. 

No encontro, no que participaron a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, e os deputados de Medio Ambiente e Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, José Luis Raposo e Ana González Abelleira, acordouse a integración de tres novos membros no órgano de participación da Reserva, entre eles a Asociación SER, presidida polo cineasta galego Oliver Laxe, un colectivo que ten como obxectivo defender o patrimonio material e inmaterial de Navia de Suarna e a súa contorna. A Sociedade Cooperativa A Carqueixa e a Asociación Cultural Val dos Corzos son as outras dúas entidades que pasan a formar parte da representación social da Reserva.

Na orde do día tratáronse ademais diversas iniciativas para a vindeira anualidade co fin de aproveitar todas as oportunidades que ofrece esta Reserva. Entre os puntos a tratar encontrábase a programación de actividades na Reserva da Biosfera; asolicitude de incorporación da Reserva daBiosfera ao Consello Provincial de Turismo; e a presentación do estudo sobre a potencialidade da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses para mellorar a prevención de lumes a través da revalorización dos piñeirais.