Deputación de Lugo
Medio ambiente

Novos emprendedores inician a súa formación no Campus de motivación e xeración de ideas da Deputación, no Rato

campus emprendemento sostible
Centro de Interpretación Terras do Miño
Imaxe deputación de lugo
- Trátase do seminario enmarcado dentro do VI Campus de Emprendemento Sostible, no que as sesións están dirixidas a aquelas persoas que estean a valorar a posibilidade de emprender un negocio
- Os participantes recibirán durante 4 días sesións de balde para coñecer a viabilidade dos seus proxectos e recibirán asesoramento técnico, económico, comercial ou medio ambiental, para a súa posta en marcha
- As persoas interesadas en participar nestas accións formativas poden apuntarse no espazo que se atopa habilitado en www.deputacionlugo.gal ou no 982 227 813

Seis novos emprendedores comezaron este mércores o VI Campus de Emprendemento Sostible da Deputación, co seminario gratuíto Campus de motivación e xeración de ideas. As sesións terán lugar ao longo de 4 xornadas no Centro de Interpretación Terras do Miño, no Paseo do Río Rato. Durante os vindeiros días, os participantes coñecerán a viabilidade dos seus proxectos e recibirán asesoramento técnico, económico, comercial ou medio ambiental para a súa posta en marcha. Explicaranse os principais elementos a ter en conta á hora de crear unha empresa, así como os instrumentos que contribúen a unha boa idea empresarial, como identificar as oportunidades de negocio.

Estas sesións formativas están especialmente dirixidas ao profesorado de centros educativos localizados na Reserva da Biosfera Terras do Miño, que imparta materias relacionadas co mundo da empresa, tales como Economía, Empresa e iniciativa emprendedora ou Formación e Orientación Laboral. En función das prazas libres, tamén poderá participar o persoal docente do resto da provincia, interesados en estimular o espírito emprendedor a partir das competencias chave da materia que imparta.

As xornadas de carácter máis teórico desenvolveranse ata o mércores 22 de marzo. Os participantes recibirán formación especializada sobre viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental e económico-financeira das súas ideas empresariais. A parte práctica do seminario consistirá nun percorrido que os emprendedores realizarán ao longo de todo o día por distintos negocios de éxito establecidos en diferentes Concellos da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Finalizado o Campus, haberá titorías nas que se prestará asesoramento personalizado, coas que continuar o traballo iniciado e poñer en marcha as ideas emprendedoras.

O organismo provincial organiza estes seminarios de xeito gratuíto para todas aquelas persoas que estean interesadas en emprender e poñer en marcha novos negocios nos 29 Concellos que integran as Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares lucenses, con especial atención ao rural destes municipios.

Últimas prazas
Todas as persoas interesadas que desexen participar no VI Campus de Emprendemento Sostible aínda poden facer a súa solicitude de inscrición a través da web da Deputación, www.deputacionlugo.com, cubrindo o formulario en http://cursos.deputacionlugo.org/terrasmino_rato/ou chamando ao 982 227 813.