Deputación de Lugo
Emprego

Aberto o prazo para participar na selección de 56 postos de traballo do Tecendo Emprego

Tecendo Emprego
Emprego
Imaxe deputación de lugo
Ata o 15 de febreiro os interesados poderán formalizar a súa inscrición a través da Axencia de Colocación. Son empregos en 41 colectivos sociais da provincia que resultaron beneficiados deste programa e que demandan distintos perfís profesionais

31 postos están dirixidos a menores de 35 anos sen experiencia laboral, 19 a veciños de 30 a 50 anos e 6 a maiores de 50. O Goberno da Deputación asume con 1,7 millóns os custes laborais dos novos traballadores durante 1 ano

O listado completo cos perfís ofertados pode atoparse a través da páxina web http://deputacionlugo.gal/gl/temas/emprego/tecendo_emprego/candidatos

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, avanzou que “este luns abrimos o prazo para participar na selección de 56 perfís profesionais incluídos no Tecendo Emprego”. Trátase da iniciativa coa que o Goberno Provincial busca favorecer a contratación de veciños no paro con maiores dificultades para atopar traballo, como mozos sen experiencia ou maiores de 50 anos; e, ao mesmo tempo, reforzar o labor que desenvolve o tecido asociativo lugués, pois estes postos de traballo enmárcanse en 41 colectivos sociais da provincia.

López Izquierdo sinalou que “as persoas interesadas en optar a algún destes postos de traballo, poderán formular a súa inscrición a través da Axencia de Colocación. Deberán rexistrarse neste portal como demandante de emprego, incluír a documentación necesaria como o currículo e inscribirse no perfil profesional do Tecendo Emprego que máis lle interese”. O prazo de presentación de solicitudes é de dez días hábiles, os interesados poderán inscribirse ata o día 15 de febreiro, incluído. O listado completo cos perfís ofertados pode atoparse no portal de emprego da Deputación http://deputacionlugo.gal/gl/temas/emprego/tecendo_emprego/candidatos.

O formulario de solicitude, dispoñible tamén na páxina web da Deputación, deberá presentarse a través da Axencia de Colocación xunto coa fotocopia do DNI, o certificado de empadroamento ou fotocopia da Tarxeta de demanda de emprego/Mellora de emprego e o informe de vida laboral actualizada a data da solicitude. As notificacións aos participantes no proceso selectivo publicaranse no taboleiro de anuncios e na paxina web da Deputación. Unha vez rematado o prazo de inscrición, a selección realizarase a través dunha entrevista persoal, na que deberán acreditar mediante orixinais a documentación relativa ao perfil solicitado.

41 asociación beneficiarias
A través do Tecendo Emprego as 41 asociacións beneficiarias recibirán axudas da Deputación de entre 18.000 a 24.000 euros para asumir os custos laborais durante 1 ano dos traballadores. Estes colectivos demandan 56 perfís profesionais en distintos sectores. En base as súas solicitudes, 31 están dirixidos a lucenses no paro menores de 35 anos e sen experiencia laboral (o 55% do total de empregos); 19 para veciños de 30 a 50 anos en xeral (35%) e 6 para maiores de 50 (10%).

Os 41 colectivos da provincia que resultaron beneficiados desenvolven unha actividade social moi variada: ofrecen atención profesional a lucenses con discapacidade, enfermidades mentais, autismo ou alzheimer; á muller en distintos ámbitos; ou mesmo a profesionais de sectores punteiros como o lácteo ou o forestal. Tamén demandan profesionais de diversos perfís: educadores sociais, licenciados en Psicoloxía, ADE, Pedagoxía, Enxeñería Agrícola; administrativos; mestres; terapeutas ocupacionais, técnicos especializados en dependencias ou en explotacións gandeiras.