Campos Conde mantén un encontro en Pantón con 80 maiores beneficiarios do Lugo Termal da Deputación

1.120 lucenses estanse a beneficiar da nova edición desta iniciativa. Así, o Hotel Balneario Augas Santas, en Pantón, acollerá a 750 persoas; o Hotel Balneario Río Pambre, en Palas de Rei, a 200; e o Hotel Balneario de Lugo, a 170 maiores
O Presidente destacou que “ante o grande interese que esperta o Lugo Termal fomos incrementando cada ano o número de prazas conseguindo que máis de 7.000 maiores lucenses poidan beneficiarse deste programa ao longo das súas 8 edicións”
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado de directivos do Hotel Balneario OCA Augas Santas de Pantón, mantiveron este xoves un encontro cos usuarios do Lugo Termal 2018-19, nas instalacións do balneario lucense. Trátase da programación que ofrece o Executivo Provincial para lucenses maiores de 55 anos con descontos de máis de 60 euros en tratamentos mineromedicinais, co fin de potenciar o benestar social e o envellecemento activo e impulsar o turismo termal na provincia.
En total, serán 1.120 lucenses os que se beneficiarán da 8ª edición desta iniciativa e desfrutarán de diferentes técnicas termais nos 3 balnearios da provincia, que se adheriron ao Lugo Termal 2018. En concreto, o Hotel Balneario Augas Santas, en Pantón, acollerá a 750 persoas; o Hotel Balneario Río Pambre, en Palas de Rei, a 200; e o Hotel Balneario de Lugo, a 170 maiores.
Campos Conde explicou que “co programa Lugo Termal impulsamos a economía e o turismo termal lucense ao tempo que consolidamos postos de traballo estables, un dos nosos leitmotiv. Grazas a esta iniciativa, os balnearios da provincia facturaron máis de 1,7 millóns de euros durante as 7 edicións celebradas”. “Apoiamos a un sector de gran importancia económica na nosa provincia como é o do turismo termal e do benestar nos meses de menor afluencia turística, que dá emprego a 200 familias da provincia e que recibe cada ano a máis de 100.000 persoas”.
O Presidente tamén sinalou que se trata “da programación coa que ofrecemos a lucenses maiores de 55 anos, descontos de máis de 60 euros para recibir terapias mineromedicinais nos establecementos termais da provincia, co fin de potenciar o seu benestar social e envellecemento activo impulsando á vez o turismo termal lucense. Desde o Goberno da Deputación estamos moi orgullosos coa resposta da cidadanía con esta iniciativa que comezamos no ano 2011. Este programa termal segue espertando un enorme interese entre os maiores da provincia de Lugo, proba delo é que nesta última edición, o Goberno da Deputación incrementou o número de prazas permitindo ofrecer descontos en tratamentos termais nos balnearios da provincia a preto de 1.200 veciños. Ao remate da presente edición, serán máis de 7.000 lucenses os que se terán beneficiado do Lugo Termal dende a súa posta en marcha”.
Ademais, o Presidente subliñou que “dentro da nosa aposta por ser unha Deputación social e coas persoas, que traballa por mellorar o benestar dos nosos maiores, co programa Lugo Termal favorecemos tamén o seu envellecemento activo, ao facilitar espazos de encontro que permiten construír e fortalecer lazos sociais combatendo situacións de illamento e soidade dos nosos maiores. Tamén ofrecemos atención especial ás persoas con problemas de mobilidade, para garantirlles o acceso e goce dos tratamentos; así como programas específicos a persoas con algún tipo de discapacidade física, psíquica ou sensorial”.
1.120 prazas ofertadas a maiores na 8ª edición do Lugo Termal
Os 2 paquetes con descontos que puxo en marcha o Executivo Provincial a través do Lugo Termal son os seguintes:
- Con estancia e pernoctación: é un paquete ao que poderán acceder 960 maiores e consta de 6 días con 5 noites con pensión completa. Inclúe 12 técnicas de saúde, un recoñecemento médico á chegada, un programa de animación sociocultural de luns a xoves, asistencia especializada e programas específicos para persoas con problemas de mobilidade ou incapacidade. Todo isto por un prezo de 190 euros.
- Sen estancia ou asistencia diurna: é un paquete de tratamentos termais que poden recibilos sen ter que pernoctar no balneario. Poderán beneficiarse 160 maiores con prezos de 200 euros para 30 técnicas terapéuticas, durante 10 días; e un recoñecemento médico.
Campos Conde apuntou que “neste aspecto a Deputación de Lugo é pioneira en ofrecer esta modalidade de paquetes sen estancia. E facémolo porque somos conscientes de que Lugo é unha provincia eminentemente rural e envellecida, na que moitas persoas dedícanse ao sector primario e teñen as obrigas de atender todos os días o seu gando e a súa horta, ou tamén coidar a persoas dependentes ao seu cargo polo que lles sería imposible gozar deste tipo de tratamentos terapéuticos se tivesen que pernoctar nos balnearios”. “Ademais, desde o Goberno da Deputación, dentro da nosa aposta por ser unha institución sumamente social e coas persoas, que traballa por mellorar o benestar dos nosos maiores, ofrecemos atención especial ás persoas con problemas de mobilidade, para garantirlles o acceso e goce de tratamentos; así como programas específicos a persoas con algún tipo de discapacidade física, psíquica ou sensorial”.
Máis prazas nos 3 balnearios
O Goberno da Deputación está a asignar e distribuír en quendas as solicitudes recibidas no Lugo Termal 2018 entre 3 balnearios da provincia. Ante o elevado número de solicitudes recibidas cada ano, sempre superior ao número das prazas ofertadas, a Deputación deu resposta incrementando progresivamente, ano a ano, o número de prazas. Nesta última edición, o Goberno da Deputación ofreceu descontos en tratamentos termais nos balnearios da provincia a case 1.200 veciños
