A ong peruana SAIPE, interesada en 2 proxectos de xestión forestal sostible e cultivos da Deputación
Fernández Queipo subliñou que “os proxectos nos que participa a Deputación son grandes exemplos de conservación de medio ambiente”
O Vicepresidente destacou que “o obxectivo do organismo provincial como o de SAIPE é acadar a máxima rendibilidade dos nosos territorios, implicando directamente no seu desenvolvemento, aos veciños que viven nesas zonas”
O Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, recibiu aos representantes da ONG peruana SAIPE (Servizos Agropecuarios para a Investigación e Promoción Económica) e da organización de cooperación ao desenvolvemento Taller de Solidaridad. Os investigadores achegáronse ao Pazo de San Marcos para coñecer de primeira man as características do proxecto de xestión forestal sostible Life in Common Land e do estudo de planificación urbana Life Lugo + Biodinámico. A intención destes colectivos é obter novas vías de coñecemento e alternativas de aplicación adaptadas aos medios con comunidades indíxenas na selva amazónica.
Fernández Queipo subliñou que “os proxectos nos que participa a Deputación son grandes exemplos de conservación de medio ambiente e aproveitamento sostible para que estas ong´s teñan opcións de estudo e podan aplicar logo nos seus territorios, ben na mellora do traballo de gandería, ou ben na actividade forestal. O noso traballo entra en consonancia co que SAIPE busca, que é acadar unha xestión sustentable dos nosos territorios, implicando directamente no seu desenvolvemento, aos veciños que viven nesas zonas. Xuntos queremos facer unha xestión mancomunal do territorio e implantar sistemas agrarios de alto valor natural, que permitan o máximo aproveitamento das nosas terras, respectando a súa conservación”.
Os representantes da organización peruana amosaron un grande interese neste encontro, e contaron con que este intercambio fora fructífero e beneficioso para ambas comunidades.
Saipe é unha organización comprometida na preparación de recursos humanos e, con este fin, desenvolve numerosos programas de investigación e bolsas de formación de técnicos no coñecemento agrogandeiro ou para a educación de poboación indíxena en materia forestal de aplicación posterior nas súas contornas, ben sexa en cultivos tropicais ou na crianza de animais, entre outras.
Life in Common Land
O proxecto de desenvolvemento forestal sostible Life in Common Land estase a desenvolver no territorio da Serra do Xistral. Inclúe 12 Concellos da provincia de Lugo, incluíndo Os Ancares lucences, Montes de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá, e conta cunha extensión de 22.000 hectáreas. Está catalogado como Rede Natura 2000, ademais de ser zona núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño. As actuacións neste territorio están orientadas a mellorar os hábitats prioritarios de turbeiras altas activas, turbeiras de cobertor activas e breixeiras húmidas atlánticas. Este proxecto ten un gran componente social, xa que se desenvolve en terreos de xestión comunal nos que se concentra a maior parte das turbeiras de cobertor da Europa continental.
Life Lugo + Biodinámico
O proxecto Life Lugo + Biodinámico é unha iniciativa da Deputación de Lugo que se enmarca na liña de desenvolvemento urbano respectuoso co medio ambiente e ten como obxectivo un modelo de cidade verde e sostible, cun urbanismo ao servizo das persoas, para mellorar a súa calidade de vida e impulsar o crecemento económico.
O proxecto, que comezou a executarse en 2016 e se desenvolverá ata mediados de 2020, pretende deseñar e implantar a escala en dúas zonas do norte de Lugo –entre os polígonos das Gándaras e o Ceao, e no entorno da Duquesa de Lugo- un modelo urbanístico e medioambiental sostible, que sirva de referencia e se poida estender a outros lugares da provincia e do resto de Galicia, e mesmo de España.
Life Lugo + Biodinámico está dirixido a impulsar o aproveitamento da madeira como elemento estrutural de construción e a produción enerxética, así como a potenciar as zonas verdes da cidade para mellorar aspectos paisaxísticos e reducir as emisións de dióxido de carbono.