Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Viveiro promoven a integración de persoas con diversidade funcional co certame Superarte

Viveiro
benestar
Presentación 'Superarte'
López Izquierdo e Fernández Noriega presentaron a primeira edición do programa de teatro feito por persoas con diversidade funcional, que terá lugar do 24 ao 28 de outubro no municipio mariñán, organizado polo Concello co apoio da Deputación

A Deputada de Benestar subliñou que “o noso compromiso coa plena integración é firme e demostrámolo no día a día. Así, incorporamos nas diferentes programacións cláusulas coas que garantir a igualdade de oportunidades e favorecer a súa normal participación na sociedade e tamén o facemos colaborando con este tipo de iniciativas”

Ademais de teatro, Superarte inclúe proxeccións cinematográficas, visitas guiadas, actividades de danza e a mostra Enfocando Historias, que acollerá a sala multiusos da biblioteca municipal, do 25 de outubro ao 16 de novembro

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e a Concelleira de Cultura de Viveiro, Lara Fernández Noriega, presentaron este martes Superarte, o I Certame de teatro feito por persoas con diversidade funcional, que terá lugar do 24 ao 28 de outubro no municipio mariñán, organizado polo Concello de Viveiro co apoio do Goberno da Deputación. No acto tamén participou o coordinador do proxecto, Fabián Ben Conde.

López Izquierdo subliñou que “o noso compromiso coa plena integración social de persoas con diversidade funcional é firme e demostrámolo no día a día. Neste senso, incorporamos nas diferentes programacións cláusulas coas que garantir a igualdade de oportunidades e favorecer a súa normal participación na sociedade. E, sen dúbida, este tipo de iniciativas tamén contribúen a lograr ese mesmo obxectivo”.

A Deputada de Benestar engadiu que “por iso, quixemos colaborar e poñer o noso gran de area para apoiar a realización do certame. Facémolo a través da Fundación TIC coa difusión das diferentes actividades que se realizarán ao longo dos próximos catro días. Deste xeito, elaboraranse diferentes pezas audiovisuais, para difundir a través das redes sociais e as diferentes canles do certame, co obxectivo de que cada vez máis persoas coñezan Superarte e os valores que representa”.

Pola súa parte, a Concelleira de Cultura subliñou que “como o propio nome indica Superarte pretende amosar aos públicos os valores de superación de todas as persoas e asociacións que forman parte da mostra teatral e poñer de relevancia os beneficios das artes como disciplinas integradores e elementos de cohesión social”.

Ademais de teatro, Superarte inclúe proxeccións cinematográficas, visitas guiadas, actividades de danza e a mostra Enfocando Historias, que acollerá a sala multiusos da biblioteca municipal, do 25 de outubro ao 16 de novembro.

Enfocando historias é un proxecto fotográfico presentado á II Convocatoria de Actividades de Voluntariado da Fundación Telefónica por Carmen Andión Villanueva, para realizar coa Asociación DOWN LUGO, o voluntariado da Fundación y ASTELU (Asociación Senior Telefónica de Lugo) e contando coa dirección da fotógrafa Aleksandra Dmitrieva.

Programa de actividades

Mércores 24
20:30 | Sala Multiusos da Biblioteca Municipal
Inauguración  da exposición ‘Enfocando Historias’.

Xoves 25
12:30 | Multicines Viveiro Proxección de Wonder.
Sesión adicada a público escolar

21:00 | Multicines Viveiro
Proxección de Wonder
Entrada ata completar aforo con donativo de 2€

Venres 26
12:30 | Teatro Pastor Díaz
Eu Son Burela
Duración: 40 minutos

20:30 | Teatro Pastor Díaz
Pinchacarneiro Teatro
Duración: 65 minutos

Sábado 27
10:30 | Sala Multiusos do Concello de Viveiro
Ferramentas de Expresión Dramática

16:30 | Conservatorio de Música de Viveiro
Obradoiro de Clown

17:00| Oficina de Turismo
Visita guiada no Vivertren

20:30  | Teatro Pastor Díaz
Teatro Múxicas
Duración: 60 minutos

Domingo 28
11:00 | Conservatorio de Viveiro
Obradoiro de Danza

12:00 | Sala multiusos do Concello de Viveiro
Mesa Redonda

13:30 | Sala multiusos do Concello de Viveiro
Sesión Vermú

17:30 | Multicines Viveiro
Proxección de Campeones
Entrada: 3€ ata completar aforo.