Deputación, Concello e ADACE conmemoran o Día do Dano Cerebral con mesas informativas pola provincia

López Izquierdo e Abelleira González informaron que se trata dunha campaña de información para dar visibilidade ás máis de 35.000 persoas afectadas en Galicia coa instalación de 6 mesas informativas, distribuídas por toda a provincia
A Deputada explicou que a través dos fondos da Deputación financia a contratación dun neuropsicólogo, que forma parte da plantilla de 8 profesionais cos que conta a asociación
As causas principais de Dano Cerebral Adquirido son os ictus, traumatismos cranioencefálicos, encefalopatías, tumores ou enfermidades neurodexenerativas. En Galicia máis de 35.000 persoas a sofren, das que arredor do 25% son da provincia de Lugo
A Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, a Concelleira de Benestar Social de Lugo, Ana Abelleira González, informaron este luns sobre a programación de actos con motivo do Día Mundial de Dano Cerebral Adquirido, que se celebra o 26 de outubro. No acto tamén participaron o Vicepresidente e a Directora de ADACE LUGO, Fernando Galdo Rego e Abel Parga, respectivamente.
Trátase dunha campaña de información que organiza esta asociación para dar visibilidade ás máis de 35.000 persoas que teñen algún tipo desta doenza en Galicia coa instalación de 6 mesas informativas, distribuídas por toda a provincia. En concreto, están no HULA (Hospital Universitario de Lugo), no Hospital da Costa de Burela, no Hospital Comarcal de Monforte de Lemos, no Concello de Lugo e na Deputación.
López Izquierdo informou que e Executivo Provincial colabora con este colectivo, non só situando unha destas mesas no Pazo de San Marcos, senón tamén con achegas económicas de xeito anual. En efecto, este ano, o Goberno da Deputación destinou 12.000 euros a ADACE Lugo para os gastos de funcionamento do Centro de Día que posúen na capital lucense, así como para financia a contratación dun neuropsicólogo, que forma parte da plantilla de 8 profesionais cos que conta a asociación presta atención a 40 usuarios de toda provincia, en quendas de 4 horas, de mañá e tarde.
Ademais deste prestación, a asociación realiza diferentes actividades e obradoiros ao longo de ano, como o de psicomotricidade, estimulación cognitiva, terapia ocupacional ou rehabilitación, entre outros moitos.
López Izquierdo subliñou que “as dúas causas principais de Dano Cerebral Adquirido son os ictus e os traumatismos cranioencefálicos. Gran parte dos danos cerebrais poderían evitarse tendo en conta os seus factores de risco e tomando medidas preventivas. Previr o ictus pasa por adoptar hábitos de vida saudables que eviten factores de risco como a tensión, a obesidade ou a hipertensión. O 70% dos traumatismos cranioencefálicos que provocan dano cerebral son consecuencia de accidentes de tráfico, dos que gran parte teñen causas relacionadas co exceso de velocidade e a condución baixo os efectos do alcol ou as drogas. Estímase que cada ano rexístranse ao redor de 100.000 casos novos en España, con este datos, é fundamental que todas as institucións colaboremos na súa prevención e investigación, sobre todo as que teñen competencias directas neste eido.”
Atención a 20 lucenses no Centro de Día
A Asociación de Dano Cerebral Sobrevido/Adquirido de Lugo posúe dende o 2009 un Centro de Día na capital lucense no que presta atención profesional a 20 usuarios da provincia de Lugo, de luns a venres, en quendas de 4 horas de mañá e tarde. Contan cunha traballadora social, un terapeuta ocupacional, un logopeda, un fisioterapeuta, dous auxiliares de enfermería, un técnico de animación e deporte e o neuropsicólogo que financia o Executivo Provincial e que ofrecen diferentes servizos específicos como terapia ocupacional, logopedia, fisioterapia e psicoloxía. A metodoloxía da asociación nas instalacións do Centro de Día divídese en 4 fases:
- Fase de Intervención Directa: orientan, informan e asesoran ás familias sobre prestacións sociais; ingresos en centros especiais; seguimento de casos de larga duración; visitas domiciliarias; ou fomentar reunións e conferencias periódicas, entre outras accións.
- Fase de Rehabilitación: valoración dos usuarios con Dano Cerebral Adquirido por parte dos profesionais da asociación e realización de diferentes obradoiros de actividades diarias; comunicación; psicomotricidade e modificación de conduta.
- Fase de Intervención Familiar: apoio e formación dos familiares afectados para un maior coñecemento da enfermidade, así como unha mellor aceptación e adaptación do mesmo.
- Fase de Intervención Comunitaria: promover campañas de prevención e información na sociedade sobre a doenza e fomentar a creación de recursos sociais.
Datos sobre o Dano Cerebral Adquirido
As causas principais de Dano Cerebral Adquirido son os ictus, traumatismos cranioencefálicos, encefalopatías, tumores ou enfermidades neurodexenerativas. Na actualidade en Galicia máis de 35.000 persoas sofren Dano Cerebral Adquirido, dos que arredor do 25% de afectados pertencen á provincia de Lugo. Gran parte dos danos cerebrais poderían evitarse tendo en conta os seus factores de risco e tomando medidas preventivas. Previr o ictus pasa por adoptar hábitos de vida saudables que eviten factores de risco como a tensión, a obesidade ou a hipertensión. O 70% dos traumatismos cranioencefálicos que provocan dano cerebral son consecuencia de accidentes de tráfico, dos que gran parte teñen causas relacionadas co exceso de velocidade e a condución baixo os efectos do alcol e outras drogas. Ademais existe unha maior incidencia destes casos en persoas de entre os 19 e 30 anos.
ADACE
ADACE é unha asociación sen ánimo de lucro, de ámbito provincial, creada no 2006 por persoas afectadas por Dano Cerebral Adquirido, as súas familias e outros colaboradores. Conta con preto de 300 socios e entre os seus obxectivos están promover a acollida, información, orientación e asesoramento a familiares e afectados de dano cerebral sobrevido; así como sensibilizar ás institucións públicas e á sociedade en xeral sobre a problemática do afectado de DCS e das súas familias.