Deputación de Lugo
Emprego

A Deputación expón a súa estratexia para fixar poboación no rural nunha xornada do GDR Montes e Vales Orientais na Fonsagrada

xornada
reto demográfico
GDR MONTES E VALES ORIENTAIS
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres na Xornada Promoción do Emprego para Repoboar o Rural, onde evidenciou o compromiso da institución provincial con impulsar políticas que contribúan a loitar contra o reto demográfico na provincia de Lugo

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres na Xornada Promoción do Emprego para Repoboar o Rural que organizou o GDR Montes e Vales Orientais na Fonsagrada, e que se desenvolveu ao longo da mañá con mesas de traballo, presentacións e coloquios. 

Rivera Capón salientou o compromiso da institución provincial e o esforzo que dedica por impulsar iniciativas que contribúan a fixar poboación no rural e afrontar con eficacia o reto demográfico, tendo como eixo principal a colaboración directa e estreita cos concellos máis pequenos. Exemplificou con programas concretos, como E para vivir...Lugo, financiado con fondos europeos e que involucra aos concellos da provincia en busca de solucións innovadoras que aproveiten os recursos endóxenos das zonas rurais para convertelos en oportunidades, e deste xeito contribuír a fixar e recuperar poboación nestes territorios, con especial atención nos de menos de 5.000 habitantes. Outro exemplo é a acción Impulsa TIC, un proxectoco que que a Deputación lles proporcionará de maneira gratuíta aos concellos servizos e equipamentos para avanzar na transformación dixital da administración e así prestar un servizo mellor e máis cercano.

Fixo fincapé tamén na iniciativa Acelera Pemes, que ten en marcha a Deputación con fondos da Unión Europea concedidos polo Goberno de España,para que as empresas e autónomos aproveiten os recursos que ofrece a dixitalización e as novas tecnoloxías para modernizar e mellorar o seu negocio nos concellos máis pequenos.  Pero tamén incidiu na importancia do Plan Deputación como “unha fonte de recursos fundamental para os concellos, sen o que moitos non poderían prestar nin os servizos máis básicos, que son imprescindibles á hora de que unha familia ou unha empresa decida instalarse nun ou noutro lugar. Ten que haber boas comunicacións, bos servizos básicos, conexión a internet e oportunidades laborais”. Co mesmo obxectivo, a Deputación lanzou o Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que, dixo, “é moi útil porque colaboramos cos colectivos pegados ao territorio en facer das nosas vilas e municipios lugares mellores nos que vivir”.