Deputación de Lugo
Economía
Turismo

A Ruta Castrexa levará a paixón polo turismo en moto pola provincia de Lugo grazas á Deputación

RUTA CASTREXA
MOTOTURISMO
O Deputado de Promoción Económica e Social participou este luns na Praza de San Marcos na presentación desta proba, que se celebrará o 11 de maio. Organizada pola asociación Motorista Lucense, puntúa para o Campionato de España e de Galicia de Mototurismo

“Este é o modelo de turismo polo que levamos traballando dende hai anos na Deputación: sostible, de calidade, de experiencias, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio”, afirmou o Deputado

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou esta mañá na Praza de San Marcos na presentación dunha nova edición da Ruta Castrexa, que será o 11 de maio, e que servirá para descubrir o territorio da provincia en moto. Un evento que promove a asociación Motorista Lucense co apoio da Deputación de Lugo. 

A proba, que puntúa para o Campionato de España e de Galicia de Mototurismo, conta cun percorrido duns 350 quilómetros, con punto de saída e chegada en Lugo, e cun itinerario por estradas abertas ao tráfico. Entre outros lugares, percorrerá a Ulloa e a Ribeira Sacra, pero os puntos polos que pasará desvelaranse ese mesmo día antes da saída. 

“Esta ruta en moto é máis ca un simple percorrido, pois trátase dunha experiencia que permite aos participantes mergullarse no noso territorio dende unha óptica diferente. Cada momento é unha lembranza que quedará gravada na memoria dos moteiros e moteiras, e que contribuirá a promocionar o amplo e diverso patrimonio co que temos a sorte de contar na provincia”, asegurou o Deputado de Promoción Económica e Social.

“Este é o modelo de turismo polo que levamos traballando dende hai anos na Deputación: sostible, de calidade, de experiencias, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio. O turismo de experiencias, que permite que cada un descubra o territorio ao seu propio ritmo. Por iso, aportamos a nosa colaboración cunha achega económica que contribúe a facer posible esta ruta e a desenvolvela con todas as garantías necesarias”, detallou Pablo Rivera.

Neste sentido, o Deputado subliñou que este tipo de iniciativas “xeran oportunidades económicas para as nosas comunidades locais. Ao fomentar o turismo sostible e promover os nosos recursos naturais e culturais, estamos a contribuír ao desenvolvemento económico da nosa provincia e ao benestar dos nosos veciños e veciñas”.