Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación apoia a Subida a Taboada, que inaugurará o Campionato Galego de Montaña

EFRÉN CASTRO
SUBIDA A TABOADA
Taboada
Deportes de motor
Efrén Castro visitou o trazado da proba, que a Concellería de Deportes de Taboada e a escudería local recuperaron o ano pasado

O vicepresidente da Deputación e deputado de Deportes Efrén Castro reuníuse esta mañá co concelleiro de Cultura, Deportes e Medio Rural de Taboada Manuel Diéguez e o responsable da Escudería Taboada José Seijo para coñecer os últimos preparativos da Subida a Taboada, que se celebrará os días 27 e 28 de abril co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O Concello de Taboada e a Escudería Taboada coorganizan a proba, que recuperaron o  ano pasado tras 17 anos de parón co apoio a institución provincial e que mantén o trazado habitual -nun treito da estrada LU-611 entre Rubián (Bóveda) e Taboda-, con saída no Cruce das Seixas e chegada en Taboada.

Efrén Castro ratificou “a colaboración coa proba”, que encadrou no apoio que “da área de Deportes ao automobilismo, con achegas e colaboracións cos rallys de asfalto e montaña que se celebran nas distintas comarcas, e tamén con programas e convocatorias específicas para pilotos de rally”

Manuel Diéguez explicou que "despois de apostarmos o ano pasado por recuperar a proba, afrontamos esta nova edición co obxectivo de consolidala como un referente desta modalidade deportiva” e subliñou “a participación na carreira da escudería local, e de equipos da comarca, que teñen a posibilidade de competir preto da casa”. Así mesmo, destacou que “ o trazado, con chegada en Taboada, facilita que o público que se achega para seguir o rally xenere actividade na  vila e coñeza o concello”.

A Subida a Taboada suporá o inicio do Campionato Galego de Montaña, xa que é a primeira desta modalidade no calendario de 2024.