Cultura
Deputación de Lugo
Turismo

Vilalba acolle a estrea do filme Tratamos demasiado bien a las mujeres, patrocinada pola Deputación

audiovisual
Vilalba
A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, asistiu este venres xunto á Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, á presentación desta película de Clara Bilbao que tivo como escenario de rodaxe a comarca da Terra Cha

A institución achegou 15.000€ á produción, na que traballaron un equipo de 60 persoas, entre os que destacan actores de alto renome do cine español como o lucense Luis Tosar, Carmen Machi ou Antonio de la Torre

A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, asistiu este venres xunto á Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, á estrea da película Tratamos demasiado bien a las mujeres, que acolleu o auditorio vilalbés Carmen Estévez. Un filme da directora Clara Bilbao que foi producido pola galega Ficción Producciones e que contou co patrocinio da Deputación de Lugo de 15.000€.

O filme de Clara Bilbao conta cun reparto de luxo, entre o que se atopan, entre moitos outros, actores de renome do cine español como o lucense Luis Tosar, Carmen Machi, Antonio de la Torre, Óscar Ladoire, Diego Anido, Cris Iglesias, Camilo Rodríguez ou Iván Marcos, algúns deles presentes no acto desta tarde en Vilalba. Parte da rodaxe tivo lugar na escola habaneira da parroquia de San Simón da Costa vilalbesa e participou un equipo de 60 persoas.

Morandeira salientou que esta colaboración forma parte do compromiso mantido pola Deputación coa industria cinematográfica e dun turismo de calidade e sostible a través da promoción do territorio. “Na última década, a Deputación colaborou con máis de 30 producións audiovisuais, o que demostra o noso claro apoio á industria audiovisual lucense e galega”. “Películas coma esta axudan a proxectar a nosa provincia como destino cinematográfico, potenciando a riqueza patrimonial e paisaxística que temos incorporando o turismo ligado ás rodaxes e buscando a complicidade da ilusión, o dinamismo e a maxia que sempre suxire a produción audiovisual”, subliñou.

A Deputación mantén un apoio decidido ao audiovisual, unha aposta pola cultura e pola economía, cun sector que está en crecemento. “Cremos que a presenza de paisaxes da nosa provincia nas salas, nos festivais e nas plataformas audiovisuais constitúe unha vía moi interesante e frutífera para a promoción do territorio”, salientou.

Unha comedia negra, ambientada nos 40

A longametraxe Tratamos demasiado bien a las mujeres, rodada integramente en Galicia é a ópera prima de Clara Bilbao, gañadora de catro Premios Goya. A directora vasca leva á gran pantalla esta comedia negra ambientada na década dos anos 40, baseada no best seller francés On est toujours trop bon avec les femmes, de Raymond Queneau.