Deputación de Lugo
Economía
Medio ambiente
Turismo

A Deputación recoñece os 40 anos “de excelencia e puxanza” da MOEXMU, que arranca hoxe

moexmu
Muimenta
Cospeito
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, participou este venres na inauguración desta cita, “consolidada como referente na posta en valor e impulso do sector agrogandeiro e o rural en Galicia”

A institución colabora coa Mostra dentro do seu compromiso co apoio ao tecido produtivo, que tamén se traduciu na construción do polígono industrial de Cospeito ou na actividade en favor do sector primario que desenvolve na Granxa Gayoso Castro, situada na comarca chairega

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, participou este venres na inauguración da 40ª Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), “consolidada como referente na posta en valor e impulso do sector agrogandeiro e o rural en Galicia”. A cita, que se celebra ata o domingo no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta, arrancou oficialmente co pregón de Carlota López Pardo, vicepresidenta do Grupo Aresa.

Miguel Fernández felicitou e agradeceu “o seu esforzo e implicación” a todas as persoas que integran as comisións organizadoras da MOEXMU, e, en xeral, a todos os veciños e veciñas de Muimenta e de todo o concello, que fixeron posible “40 anos de excelencia e puxanza” da feira, unha traxectoria na que a Deputación de Lugo “foi sempre unha compañeira de viaxe, coa man tendida para colaborar en todo o posible”.

De feito, a institución aporta este ano 8.000€ para a súa organización, dentro do seu compromiso co “apoio ao tecido produtivo como fórmula para xerar riqueza e emprego na provincia”, e que se traduce, por exemplo, na construción do polígono industrial de Cospeito, que o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, entregou ao Concello hai un mes, ou na actividade en impulso do sector primario que desenvolve na Granxa Gayoso Castro, situada na comarca chairega, onde conta co primeiro centro de recría público de gando vacún de leite do país; co primeiro centro de experimentación do sector lácteo en Galicia que une investigación e formación universitarias; e cun centro de recría de Raza Rubia Gallega.