Deputación de Lugo
Recursos Humanos

O Presidente subliña que o aval do TSXG á RPT reforza a “estabilidade institucional e laboral” que impulsa dende que está á fronte da Deputación de Lugo

cadro de persoal
Imaxe deputación de lugo
José Tomé cualificou a sentenza do Alto Tribunal sobre a Relación de Postos de Traballo como “unha moi boa noticia para esta institución, para os traballadores e traballadoras, e tamén para o conxunto da provincia” porque aporta seguridade xurídica ao marco laboral da Deputación

“É un incentivo para seguir traballando, para seguir mellorando, dende a estabilidade e a normalidade institucional, para que a Deputación de Lugo sexa cada vez máis unha administración exemplar, máis próxima, máis eficiente e máis útil para os concellos e para o conxunto dos veciños e veciñas da nosa provincia”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, subliñou que a sentenza coa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avala a Relación de Postos de Traballo (RPT) da institución provincial “é unha moi boa noticia para esta institución, para os traballadores e traballadoras, e tamén para o conxunto da provincia”.

En primeiro lugar, explicou José Tomé, porque “aporta seguridade xurídica ao marco laboral da Deputación”, pero ademais, incidiu, “reforza a estabilidade, a normalidade, tanto institucional como laboral que me ocupei de impulsar dende que estou á fronte desta institución”. “Estabilidade e normalidade institucional que, sen dúbida, son factores esenciais para o bo funcionamento da Administración e, polo tanto, para que poidamos prestar o mellor servizo posible á cidadanía”, asegurou.

Por outro lado, remarcou o Presidente, “queda demostrado que na Deputación de Lugo as cousas fanse ben, que hai unha boa xestión, transparente, seria e rigorosa. E iso, por moito que lle pese ao Partido Popular, que se dedica a facer ruído, a crispar á xente, e a lanzar inventos, cos que, en moitos casos, mesmo ataca a profesionalidade dos traballadores e traballadoras desta casa”.

“Nós non entendemos, nin compartimos esa forma de facer política, e pola nosa parte seguiremos traballando dende o equipo de Goberno para desenvolver o proxecto de progreso social e económico que temos para a provincia de Lugo”, afirmou o mandatario provincial, quen, neste sentido, engadiu que “a sentenza do TSXG que acabamos de coñecer é un incentivo para seguir traballando, para seguir mellorando, dende a estabilidade e a normalidade institucional, para que a Deputación de Lugo sexa cada vez máis unha administración exemplar, máis próxima, máis eficiente e máis útil para os concellos e para o conxunto dos veciños e veciñas da nosa provincia”.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirma a sentenza ditada o 31 de marzo de 2022 polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Lugo, que declarou inadmisible, por falta de lexitimación activa do demandante, o recurso presentado por un funcionario provincial que pedía a nulidade do acordo do Pleno do 29 de maio de 2018 co que a Corporación aprobou de maneira definitiva a modificación parcial da Relación de Postos de Traballo da Deputación de Lugo, así como o sistema de carreira horizontal, e tamén a nulidade do acordo da Xunta de Goberno do 19 de outubro de 2018 polo que se aprobaron as bases de provisión polo sistema de concurso dunha serie de postos que se encontraban vacantes.

A entidade e complexidade deste proceso xudicial, así como a transcendencia da sentenza, queda de manifesto en que, ademais da propia Deputación como institución, persoáronse 180 traballadores e traballadoras, todas as centrais sindicais, a Xunta de Persoal e o Comité de Empresa. O aval á RTP afecta ao conxunto dos empregados e empregadas públicos da Deputación de Lugo.

No fallo, o TSXG desestima o recurso de apelación do demandante e imponlle as custas procesuais.

Procedemento legalmente establecido

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia argumenta que a aprobación da Relación de Postos de Traballo da Deputación está cinguida ao “procedemento legalmente establecido”, e que, en todo caso, a súa elaboración “é un acto de contido discrecional” que lle corresponde “á administración competente, sen que a súa vontade sexa, en ningún caso, sustituible polo control xudicial en canto a dito contido”. Confígurase como “un instrumento de política de persoal” que a administración leva a cabo “no exercizo das súas potestades organizatorias”.

Así mesmo, o Alto Tribunal recalca que o demandante “carece de interese lexítimo para a impugnación global da relación de postos de traballo da Deputación”, pois a súa lexitimación “unicamente queda restrinxida e limitada de forma exclusiva ao seu concreto e específico posto de traballo, non estando, en consecuencia, habilitado en norma algunha a defender a legalidade obxectiva da legalidade administrativa”.

Neste sentido, incide, “para que exista interese lexítimo na xurisdicción contencioso-administrativa, a resolución impugnada (ou a inactividade denunciada) debe repercutir de maneira clara e suficiente na esfera xurídica de quen acude ao proceso”. “A condición de funcionario por si mesma é insuficiente para defender a legalidade fronte á publicación dunha regulación funcionarial cando non lle é aplicada e non lle supoña efecto algún, actual e concreto”, abunda a sentenza.