Deputación de Lugo

O Plan Deputación dotará este ano aos concellos con 17M€ para obras e subministracións; 3,7M€ para emprego; e máis de 3M€ para Axuda no Fogar

PLAN DEPUTACION 2024
O Goberno provincial elevará ao Pleno do próximo martes a aprobación das actuacións e proxectos deste instrumento da institución para cooperar cos 67 municipios da provincia e que inxectará máis de 25M€ de fondos públicos no tecido social e económico entre a aportación da Deputación e a das propias entidades locais

O 70% dos recursos destínanse a 331 obras e subministracións que teñen como finalidade mellorar e acondicionar estradas, pistas e camiños, accesos a núcleos de poboación, pavimentación de vías públicas e mellora doutras infraestruturas

A institución provincial creará 301 postos de traballo a través dunha das liñas máis importantes deste plan, que axuda a fixar poboación no rural permitindo á veciñanza desenvolver os seus proxectos vitais e permanecer no seu lugar de residencia

A achega da Deputación para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) fai posible que os concellos atendan a unhas 2.000 persoas nas localidades de menos de 20.000 habitantes, un servizo esencial para o benestar social e a conciliación das familias

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este xoves que o Goberno provincial elevará ao Pleno ordinario do mes de marzo -que se celebrará o próximo martes, día 26- o debate e aprobación da relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar ao abeiro do Plan Deputación 2024, que nesta anualidade conta con 21,7M€ de fondos da institución provincial. 

Terán prioridade os investimentos, aos que as entidades locais deciden dedicar preto de 17M€ -case o 70% do total dos fondos-, para acometer 331 obras e subministracións; seguido da creación de emprego, á que destinan 3,7M€ cos que crearán 301 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que os concellos reciben 3M€ para atender a unhas 2.000 persoas. 

A institución provincial achega para o Plan Deputación este ano 21,7M€, unha cantidade “importante”, en palabras do Presidente, que engadiu que desta maneira “o Goberno provincial reforza o seu compromiso de cooperar cos concellos para que poidan manter e mellorar a prestación de servizos á cidadanía”. Este programa de investimentos inxecta en total máis de 25M€ de fondos públicos no tecido social e económico, tendo en conta as achegas dos concellos, que superan os 2,5M€.

É o cuarto ano consecutivo que a Deputación aprobou as bases do Plan Deputación, o antigo Plan Único, no ano anterior ao seu período de vixencia e a relación de actuacións no primeiro trimestre do ano, algo que, segundo valorou Tomé Roca, “é fundamental porque permite aos concellos planificar as accións municipais con antelación, traballando con maior previsión e aproveitando mellor os recursos económicos, favorecendo a súa axilidade”.

Destacou o Presidente que un ano máis mellóranse as condicións deste Plan “para que sexa máis útil”, reforzando a autonomía das administracións locais, porque son as que deciden en que se invisten os fondos, dado que son as que mellor detectan e coñecen as necesidades da veciñanza”. 

As propostas que presentaron os concellos para investir os fondos do Plan Deputación teñen que ver cos investimentos; o Servizo de Axuda no Fogar (SAF); creación de emprego; actividades culturais; actividades deportivas; actuacións e eventos turísticos; feiras e mercados; administración electrónica e protección de datos; e protección civil.

José Tomé destacou que o Plan Deputación é unha fonte de recursos “fundamental para os concellos, sen o que moitos non poderían prestar nin os servizos máis básicos”, e que con este instrumento de cooperación a Deputación garante a distribución dos recursos públicos entre os 67 concellos da provincia con criterios públicos e obxectivos. Animou á Xunta de Galicia a poñer en marcha unha ferramenta parecida “que termine co reparto arbitrario de fondos e para axudar a un desenvolvemento equilibrado do territorio”.

Preto de 17M€ para obras e subministracións

Do importe total do Plan Deputación, preto de 17M€ vanse destinar a investimentos. Destacan as melloras e acondicionamento de estradas e camiños, accesos a núcleos de poboación e pavimentación de vías públicas.

En total, son 331 obras ou subministracións, repartidas entre os 67 concellos da provincia. Estas actuacións servirán tamén para acometer melloras nas redes de abastecemento de augas, facer máis eficiente o alumeado público, manter e crear parques e xardíns, melloras na seguridade do tráfico e creación de estacionamento, mellorar instalacións públicas ou dotar aos concellos doutras novas.

3,7M€ para crear emprego
Por outra banda, os concellos destinarán 3,7M€ a fomentar a contratación e crear postos de traballo. Un programa moi importante que axuda a fixar poboación no rural permitindo á veciñanza desenvolver os seus proxectos vitais e permanecer no seu lugar de residencia, á vez que se fai fronte ao desemprego e se xera riqueza en cada unha das localidades. En total, grazas ao Plan da Deputación, vanse crear 301 postos de traballo con funcións moi diversas, como peóns, administrativos, socorristas, limpadores, condutores e xardineiros, entre outras.

3M€ para axuda no fogar

En materia de servizos sociais, o Plan Deputación é o instrumento a través do que a Deputación financia o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) aos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Grazas a esta achega, poden atender a uns 2.000 veciños e veciñas con esta prestación social, que inclúe un conxunto de atencións e coidados moi variados e necesarios. En cada caso, realízase unha valoración técnica que establece que tipo de actuacións é necesario levar a cabo para dar unha resposta o máis axeitada posible. Entre esas actuacións inclúense atencións de carácter persoal na realización de actividades básicas da vida diaria no domicilio, acompañamento e seguimento de tramitacións e atención de carácter psicosocial e educativo enfocadas ao desenvolvemento das capacidades persoais básicas, entre outras, que contribúan a mellorar a calidade e ritmo de vida que levan.

O SAF, á súa vez, é un servizo que xera un gran volume de emprego nos municipios. A maior parte das persoas que traballan no SAF son mulleres que residen no propio municipio, un feito que lles permite desenvolver a súa vida profesional sen ter que realizar grandes desprazamentos e avanzar en materia de conciliación. 

450.000€ para actividades culturais

Ademais, os concellos destinarán máis de 450.000€ do Plan Deputación para actividades culturais, como concertos, viaxes, actuacións, edición de libros, escolas de música, obradoiros, ou accións que impulsan todos os anos, como son os magostos, o Entroido ou actividades de Nadal.

Por outra banda, os concellos incluíron actividades ou eventos de promoción turística. Para este programa destinaranse case 200.000€ para o total dos municipios, entre os que destacan as campañas de promoción e a participación dos concellos en feiras turísticas para dar a coñecer os seus principais reclamos patrimoniais. 

Así mesmo, este ano os concellos seguen apostando por avanzar na administración electrónica e a protección de datos, unha liña que ascende a 216.108,72€.

O Plan Deputación tamén inclúe nas súas bases un apartado propio para Protección Civil, ao que poden acceder aqueles concellos que dispoñen destas agrupacións, e que neste ano 2024 suma 7.500€. 

En canto ao programa relativo a feiras, mercados e outros, nesta anualidade os municipios decidiron destinar preto de 360.000€, unha cantidade que medra de xeito significativo respecto a anos anteriores. A Deputación colabora así con algún dos eventos máis importantes da provincia, como a Feira do Butelo da Fonsagrada; o Mercado Medieval de Monforte de Lemos; a Feira de Santos de Monterroso; a Feira do Mel da Montaña, en Muras; a Festa da Androlla de Navia de Suarna; a Feira do Viño de Pantón; a Festa da Augardente de Portomarín; ou a Feira da Primavera do Páramo, entre moitas outras citas ao longo da xeografía da provincia. 
 
A Deputación fomenta así mesmo o deporte a través deste plan de cooperación. Un total de preto de 270.000€ van destinados a gastos de escolas deportivas, cursos de ximnasia, carreiras populares ou calquera outro evento co espírito de promover os hábitos saudables dende a óptica deportiva.