Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación fomenta a participación de concellos e tecido social no novo Plan de Xestión da Reserva dos Ancares Lucenses

Reserva da Biosfera
Ancares Lucenses
Reserva Ancares
Reuniu a 9 entidades nas mesas sectoriais sobre medio ambiente e desenvolvemento económico deste territorio que organizou hoxe no Edificio de Servizos Múltiples de Cervantes

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, destacou que, coas aportacións dos colectivos asistentes, a Deputación “fortalece e mellora o modelo de xestión” das reservas, “baseado na participación, na seriedade e no rigor, para combinar a preservación e posta en valor do patrimonio coa xeración de riqueza e emprego”

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou este martes nas mesas sectoriais sobre medio ambiente e desenvolvemento económico da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, que se celebraron no Edificio de Servizos Múltiples do municipio cervantego coa participación de 9 entidades, entre concellos e asociacións. Con estes encontros, a Deputación avanza no procedemento que ten en marcha para aprobar o Plan de Xestión deste territorio recoñecido pola UNESCO para o período 2024-2034.

Carlos López destacou que coas “ideas, opinións e aportacións” das institucións e colectivos participantes, a Deputación “fortalece e mellora o modelo de xestión” das reservas, pois está “baseado precisamente na participación do tecido social que está implantado e traballa no territorio, así como na seriedade e no rigor, para combinar os dous factores da estratexia Home e Biosfera establecida pola UNESCO hai 50 anos: preservar e poñer en valor o noso inmenso e rico patrimonio medioambiental e, ao mesmo tempo, xerar riqueza e emprego”.

Lembrou o Deputado que co anterior Plan de Xestión fixéronse tarefas de recuperación da paisaxe, campus de emprendemento, talleres formativos para os máis novos, divulgación do patrimonio natural e histórico, recuperación da fauna ou promoción de rutas de turismo sostible. “Repasar os últimos dez anos de actividade é coñecer un caso de éxito na defensa do medio ambiente e a favor do desenvolvemento e o equilibrio territorial”, valorou.

Entre os obxectivos do Plan de Xestión 2024-2034 da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses está o de contribuír a cumprir os tres obxectivos e funcións que a UNESCO estableceu para as Reservas da Biosfera: conservación, desenvolvemento sostible e apoio loxístico; así como os desenvolvidos no Plan de Acción da Rede Mundial das Reservas de Biosfera e o Plan de Acción da Rede Española de Reservas de Biosfera; consolidar o modelo de gobernanza da Reserva da Biosfera e fomentar a participación pública na súa xestión, proporcionando á cidadanía canles para realizala, así como facilitando o acceso á información xerada na Reserva; e establecer marcos sólidos de colaboración con outras Reservas da Biosfera, universidades, centros de investigación ou entidades de desenvolvemento rural que permitan definir e desenvolver proxectos comúns orientados ao cumprimento das funcións propias das Reservas da Biosfera e do Programa MaB.