Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia e o CB Breogán súmanse a Alcer Lugo en demanda dun "acceso equitativo aos recursos sociosanitarios” para persoas con enfermidades renais

CB Breogán
ALCER
PARTIDO SOLIDARIO
O club celeste dedica a Alcer Lugo o partido deste sábado, dando continuidade a unha colaboración que se mantén desde hai seis anos

A iniciativa desenvólvese no marco do contrato de patrocinio entre a Vicepresidencia da Deputación e o club

O CB Breogán dedicará o partido do vindeiro sábado -9 de marzo – co Unicaja Málaga a visibilizar a labor da Asociación para a loita contra as enfermidades de ril (ALCER) e reclamar.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, o director xeral do CB Breogán Tito Díaz,  vicepresidenta de Alcer Lugo Angélica Gómez e o traballador social da entidade Santiago Aller presentaron esta mañá a iniciativa, que se desenvolverá coincidindo co Día Mundial do Ril, que se celebra cada 14 de marzo.

Efrén Castro e Tito Díaz destacaron “a continuidade desta colaboración con Alcer Lugo, que se mantén desde 2019, e coa que aproveitamos a proximidade dunha data sinalada como o Día Mundial do Ril para visiblizar a labor da entidade e contribuír, desde o altofalante que supón o deporte, a concienciar sobre a necesidade de hábitos de vida saudables e dun sistema sanitario público que garanta a atención a todas as persoas, independentemente do lugar onde vivan”

O CB Breogán difundirá a través das súas redes sociais  a labor de Alcer Lugo e o lema que acompaña  o Día Mundial do Ril no 2024 “Saúde Renal para Todos””, co que os colectivos sanitarios e de pacientes e familiares reclaman un acceso equitativo á atención sanitaria. As mensaxes reforzaranse, sobre todo de cara á pobación máis nova. coa presenza no encontro de Maximus e da mascota da asociación, Rili.

A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán e que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.


Día Mundial do Ril

O Día Mundial do Ril celébrase este ano baixo o lema “Saúde para Todos. Promovendo a igualdade no acceso á atención sanitaria”, que incide na necesidade de garantir a igualdade e un acceso equitativo aos recursos sociosanitarios e tratamentos renais para as persoas ERC, independentemente do lugar onde residan.

Desde Alcer Lugo inciden tamén na necesidade de seguir fomentando o transplante renal a través de doante falecido e doante vivo e potenciar máis as terapias de diálise domiciliaria, que proporcionan importantes beneficios clínicos á vez que melloran a autonomía e a calidade de vida dos pacientes.