Deputación de Lugo
Turismo

Pilar García Porto pon en valor a importancia dos produtos de proximidade para impulsar o rural no pregón da Feira de San Isidro da Milagrosa

feira san isidro
AA.VV. Milagrosa
Pilar García Porto
turismo
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, pregoeira da XXIV edición do feiral, destacou que “é o mellor escaparate para poñer en valor a tradición rural da nosa provincia” e “reivindica a calidade dos produtos de proximidade, e o traballo dos nosos produtores e dos artesáns e artesás”

A institución colabora na organización coa Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa con degustacións de queixos da provincia de Lugo e embutidos da Montaña

Pregón

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, foi a encargada de ofrecer este venres o pregón da XXIV Feira de San Isidro da Milagrosa, “o mellor escaparate para poñer en valor a tradición rural da nosa provincia” e que “reivindica a calidade dos produtos de proximidade, e o traballo dos nosos produtores e dos artesáns e artesás”, subliñou a tamén voceira socialista do Goberno provincial. 

A Deputada asegurou que promocionar esta riqueza é fundamental para o desenvolvemento da provincia. “Queremos en Lugo un futuro no que o noso rural siga vivo, como sempre o estivo ó longo da nosa historia. Un rural que xere emprego estable, que lle permita ós mozos e mozas desenvolver o seu proxecto de vida nos seus pobos, nas súas vilas, nos seus concellos. Un rural con servizos, nos que o ciclo vital das persoas, da escola infantil a unha residencia de maiores, quede cuberto por uns servizos públicos de educación e sanidade universais, de calidade, accesibles a todos e todas, e deseñados tendo en conta as características do noso territorio. E todo isto pasa tamén por promover a actividade económica de sectores como o sector primario ou a nosa artesanía. Sectores que aportan produtos de calidade cada vez máis valorados, sobre os que se constrúe unha oferta de gastronomía e de turismo que ten situado á nosa provincia nun lugar preferente de destino, tanto en Galicia como no conxunto de España”, asegurou Pilar García Porto.

A voceira do Goberno provincial enxalzou o traballo da organización da Feira de San Isidro, a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, e felicitouna polos “bos resultados”. 

Así mesmo, a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo lembrou a súa relación profesional e persoal coa Milagrosa, un barrio “que naceu e medrou con xentes chegadas de todos os puntos da provincia de Lugo. Un barrio cunha personalidade propia, moi pronunciada, que se ten convertido nun exemplo do dinamismo veciñal á hora de reclamar ou propoñer melloras, para o barrio e para o conxunto da cidade e de todo o concello de Lugo”. “Fiel á súa orixe de barrio aberto e acolledor, A Milagrosa  é un exemplo de integración, de convivencia de diferentes culturas, marcando tamén neste eido as liñas do que debe ser a nosa vida cidadá”.

Pilar García Porto lembrou que, dende que asumiu responsabilidades na Deputación de Lugo, tivo a oportunidade “de coñecer mellor este barrio, de estudar as propostas dos seus veciños e veciñas, e de traballar coa súa asociación, impulsando cuestións relacionadas co turismo, coa hostalaría, co comercio, ou coa propia organización desta feira”. “Estar hoxe aquí supón para min unha oportunidade para dar as gracias por todo o traballo de colaboración dos últimos anos, e para garantir o meu compromiso persoal e o da Deputación para seguir colaborando no futuro”.

Xunto a esta relación profesional, a Deputada asegurou que A Milagrosa “ten para min un importante significado persoal. Na miña infancia, A Milagrosa era o barrio onde visitar ós meus tíos, José Antonio e Mari Carmen, veciños aínda hoxe, como entón, deste barrio. Daquela, para unha nena coma min, vir de Antas de Ulla á Milagrosa era unha aventura, un cambio, unha viaxe cargada de ilusións. A Milagrosa era ademais para os nenos e nenas de entón, a antesala das festas de San Froilan. O barrio colocaba as barracas días antes da festa maior de Lugo, así que para min as festas da Milagrosa eran á vez festa e anuncio de máis festas. O inicio da traca final que despedía definitivamente o verán entre risas, música é xuntanza coa familia”.

“Síntome moi afortunada de estar hoxe aquí. E síntome moi afortunada de que a miña actividade política me teña permitido engadir a todos eses fermosos recordos da miña infancia, novas vivencias que anovan continuamente os meus lazos con este barrio e cos seus veciños e veciñas”, afirmou Pilar García Porto.
A Deputación de Lugo colabora e apoia a celebración da Feira de San Isidro coa organización o sábado e o domingo dunha degustación de queixos da provincia de Lugo e embutidos da Montaña.