Cultura
Deputación de Lugo

Inaugurada en Ribadeo a exposición “Xela Arias. A poesía do retrato”, promovida pola Vicepresidencia da Deputación

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN DE LUGO
cultura
Maite Ferreiro
XELA ARIAS
Letras Galegas
XULIO GIL
Ribadeo
Os retratos e versos de Xela Arias poderán verse ata o 27 de setembro no Parque de San Francisco

Maite Ferreiro lembrou que a mostra percorre as distintas comarcas desde o mes de maio, “estendendo a celebración das Letras Galegas no espazo e no tempo”

Este venres inaugurouse no Parque de San Francisco de Ribadeo a exposición “Xela Arias. A poesía do retrato” con fotografías de Xulio Gil e poemas de Xela Arias. A mostra, promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, consta de vinte paneis nos que as imaxes en branco e negro da autora dialogan con versos escollidos da súa obra poética.

As fotografías retratan a poeta posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil cando tiña entre 26 e 40 anos. Trátase de imaxes tomadas para seren socializadas en revistas, libros ou noutros soportes de divulgación da obra de Xela Arias que se mostran por primeira vez en formato expositivo coincidindo co ano de homenaxe á autora sarriá polas Letras Galegas.

Ribadeo é o sexto e último destino da mostra, que desde o mes de maio percorreu distintas localidades como Sarria, Lugo, Chantada, Monforte e Viveiro.

Na inauguración, a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, puxo de relevo “a importancia de ter presente a Xela ao longo destes meses en distintos puntos da provincia, estendendo a celebración da súa figura e obra tanto no tempo como nos espazos. O seu nomeamento como homenaxeada nas Letras Galegas bríndanos unha boa oportunidade para dar a coñecer a unha das mulleres máis relevantes e referentes da lingua e da cultura galegas, visibilizando figuras femininas como a súa nas aulas, na literatura, no audiovisual, e por suposto, tamén ocupando espazos nas rúas a través de mostras como a que estamos a presentar hoxe en Ribadeo”.

No acto interviu tamén o fotógrafo Xulio Gil, que explicou o proceso creativo da mostra e incidiu na necesidade de “sacar a cultura a rúa”, un posicionamento do que, lembrou, participaba tamén a propia Xela Arias.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura ribadense, Pilar Otero, e o concelleiro de Economía e Turismo, Pablo Vizoso, deron a benvida á mostra, que permanecerá no Parque de San Francisco ata o 27 de setembro.

As persoas que asistiron á inauguración recibiron un exemplar dun libro-catálogo que recolle unha mostra máis ampla de retratos emparellados con fragmentos poéticos, coordinada por Xosé Enrique Acuña. Tamén puideron escoitar a música do grupo sarriao Malditos roedores, cun repertorio de pezas en galego.