Deputación de Lugo
Formación

O Presidente asina co reitor da USC un convenio co que a Deputación achega 370.500€ para potenciar o Campus

convenios
USC
Campus Terra
José Tomé Roca destacou que “ningunha outra Deputación de Galicia e probablemente de todo o Estado fai un esforzo económico tan grande como o desta institución provincial en favor dunha Universidade”

“Promover un ensino superior público, de calidade e accesible a todos e todas, favorece o desenvolvemento e a xeración de riqueza e de emprego na nosa provincia”

“Vivimos nunha economía de libre mercado, pero hai realidades que non melloran cando as sometemos ó criterio único do beneficio económico. Pasa coa atención ás persoas maiores, e tamén no ámbito da educación superior. As nosas universidades xa son competitivas, o que precisan é un financiamento axeitado”

A colaboración da Deputación co Campus de Lugo servirá para desenvolver proxectos de mellora da calidade docente, de innovación e de desenvolvemento do rural, e para a mellora das infraestruturas universitarias

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes no Pazo de San Marcos co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 370.500 euros á USC para seguir apoiando e potenciando o Campus de Lugo. A Universidade achegará pola súa banda 50.000 € para acadar en total os 420.500€ que suma o convenio, que servirá para desenvolver proxectos de mellora da calidade docente, de innovación e de desenvolvemento do rural, e para a mellora das infraestruturas universitarias.

No acto tamén participaron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, a Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Monserrat Valcárcel Armesto e o Xerente da USC, Javier Ferreira Fernández.

O Presidente destacou a importancia do convenio asinado hoxe coa USC, tanto pola cantidade económica que achega a institución provincial -370.500€-, como “polo que representa en canto a apoio decidido e continuado da Deputación á actividade do Campus de Lugo e, polo tanto, de apoio á educación pública de calidade”.

José Tomé subliñou que “ningunha outra Deputación de Galicia, nin probablemente de España, fai un esforzo económico tan grande como o desta institución provincial en favor dunha Universidade”.
A través do convenio, a Deputación aporta “unha contía económica que dá soporte de maneira transversal á actividade do Campus de Lugo, para que sexa a propia universidade a que decida cómo utilizar eses fondos e para qué”, explicou o Presidente, quen lembrou que este acordo “súmase a outras moitas colaboracións desta institución coa Universidade de Santiago con iniciativas e proxectos, como por exemplo, o da Granxa Experimental de Leite, que puxemos en marcha a finais do ano pasado na finca provincial Gayoso Castro con moi bos resultados”.

En canto á aposta firme e decidida da Deputación de Lugo “por manter a colaboración, xa histórica, coa Universidade de Santiago, o mandatario provincial incidiu en que a institución foi fundamental para a creación do Campus de Lugo, e dende entón fomos fortalecendo os lazos que nos unen cun apoio continuo no tempo. “Apoiar a educación pública, a USC e o Campus de Lugo forman parte da esencia desta Deputación. Facémolo coa vontade de dar a mellor formación superior ós nosos mozos e mozas para que poidan enfrontarse con éxito ó mercado laboral, e para que o mercado laboral atope profesionais galegos perfectamente preparados e cualificados”, asegurou José Tomé.

O Presidente subliñou tamén que “promover un ensino superior público, de calidade e accesible a todos e todas, favorece o desenvolvemento e a xeración de riqueza e de emprego na nosa provincia. Así, a colaboración coa Universidade marcou un antes e un despois na evolución dos nosos sectores produtivos a través da investigación e da innovación. Ademais, a propia actividade do Campus é tamén un factor de dinamización para a economía local, sobre todo para o sector servizos”.

Defensa da Universidade pública

José Tomé afirmou que Galicia tense dotado nos últimos 40 anos dun sistema público de universidades “do que temos que sentirnos orgullosos, e que foi capaz de evolucionar, de adaptarse para ofrecer sempre excelencia docente e investigación de primeira liña, e de multiplicar, en forma de desenvolvemento e progreso, cada un dos euros que recibe dos orzamentos públicos”.

“As nosas universidades xa son competitivas. O que precisan é u financiamento axeitado, que se dea divulgación ós seus traballos e mesmo que se fomente nos sectores produtivos a cultura de achegarse á Universidade para desenvolver proxectos concretos”, afirmou o Presidente, engadindo que “vivimos nunha economía de libre mercado, pero hai realidades que non melloran cando as sometemos ó criterio único do beneficio económico. Pasa coa atención ás persoas maiores e, tamén, no ámbito da educación superior”, recalcou o Presidente.

José Tomé asegurou que o labor do Campus lucense en canto á aplicación práctica da investigación ou a transferencia de coñecemento á sociedade “é o mellor estímulo para repetir, curso tras curso, a colaboración económica da Deputación coa Universidade, como factor fundamental de desenvolvemento social e económico, e de sinal de identidade da nosa provincia”.

Un aliado clave para o Campus Terra

Pola súa banda, o reitor da USC manifestou que a Deputación de Lugo “é un aliado clave, un apoio constante para o noso funcionamento ordinario, pero tamén para diferentes proxectos que ten en marcha e que teñen unha magnitude enorme”. Antonio López destacou que “en Lugo, se non fose pola Deputación, non teríamos universidade. Foi un apoio constante e decidido para dotar a esta cidade dun campus universitario. Algo que sóubose asumir como unha liña prioritaria desta Deputación provincial, e que non é en absoluto común”.

O responsable da USC destacou entre as liñas estratéxicas do Campus Terra “asentar e fortalecer as estruturas de investigación, que xunto coa docencia son elemento central do Campus” e sinalou a utilidade dunha investigación que en Lugo está centrada nun tecido produtivo clave para a provincia como o sector primario.