Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación recibe ao presidente da Confederación de Empresarios de Galicia

Confederación de Empresarios de Lugo
O Presidente da Deputación recibe ao presidente da CEG
Durante o encontro, no que abordaron a situación derivada da pandemia e os problemas socioeconómicos de Galicia, compartiron a súa disposición a traballar en sintonía polo desenvolvemento da provincia, sumando esforzos e promovendo a colaboración para o impulso do tecido empresarial, da economía e do emprego

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, recibiron este martes no Pazo de San Marcos ao presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, que asistiu acompañado do secretario xeral da Confederación de Empresarios Lucenses (CEL), Jaime López; o conselleiro delegado da CEL, Eduardo Valín, e o membro do Consello de Administración desta organización Ramón Alonso.

O mandatario provincial felicitou a Vieites polo seu recente nomeamento e manifestou o seu desexo de que a CEG sexa un axente fundamental “no diálogo social e á hora de deseñar liñas de progreso para Galicia”. Durante o encontro, no que abordaron a situación derivada da pandemia e os problemas socioeconómicos de Galicia, compartiron a súa disposición a traballar en sintonía polo desenvolvemento da provincia, sumando esforzos e promovendo a colaboración para o impulso do tecido empresarial, da economía e do emprego. 

O Presidente sinalou que estas “son liñas de traballo fundamentais para a Deputación”, como demostrou coa posta en marcha do Plan de Impulso da Economía da Provincia, “especialmente neste momento no que é preciso que cooperemos dende as nosas responsabilidades para conseguir reactivar canto antes a economía”. José Tomé sinalou que a Deputación mantén importantes liñas de colaboración abertas coa CEL e con distintas organizacións sectoriais, “e que esa disposición de traballo conxunto é a que ofrecemos desde xa aos novos responsables da CEG”. O Presidente fixo entrega aos representantes da CEG e da CEL dunha cesta de produtos gastronómicos da provincia de Lugo e de exemplares do libro Diccionario da Comida Galega.