Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia as obras de mellora da estrada provincial que une os núcleos de Panchita e Oleiros, en Vilalba

Rede provincial de estradas
Vilalba
A institución provincial inviste 150.000€ nestes traballos, que se desenvolven en máis de 4,5 quilómetros, e consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, responsable directo da área de Xestión Territorial, informa de que comezaron as obras de mellora do pavimento da estrada LU-P-6510, que conecta os núcleos de Panchita e Oleiros, no concello de Vilalba. A institución provincial investirá 150.000€ nestas actuacións.

As obras desenvólvense en máis de 4,5 quilómetros desta vía de titularidade da Deputación, entre os puntos quilométricos 0 e o 4,55, e consistirán na reapertura de cunetas, a renovación do pavimento con aglomerado en quente e a súa correspondente sinalización horizontal, co pintando de marcas reflexivas brancas. O prazo de execución é de 9 meses.

A estrada de Panchita a Oleiros ten moita relevancia social porque conecta estas dúas parroquias vilalbesas, pero tamén dá servizo á veciñanza doutros núcleos, como Nete ou Ladra, e permite unha conexión directa con Cospeito e San Xurxo. 

O Presidente subliña o esforzo inversor que a Deputación de Lugo está realizando neste 2021 para a mellora da mobilidade, destinando 16M€ no Orzamento, un 14% máis que no 2020. “Esta é unha das nosas prioridades como Goberno, co obxectivo de favorecer a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia, ao tempo que avanzamos cara o equilibrio territorial, co fin de fixar poboación no rural”, destaca Tomé Roca.