Deputación de Lugo
Innovación e TIC
Medio ambiente

O edificio Impulso Verde, que se levantará na zona da Garaballa, será construído con madeira certificada da Mariña

LIFE
Pablo Rivera Capón
Promoción Económica e Social
Alfoz
Lugo
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, a alcaldesa e o edil de Urbanismo Sostible do Concello de Lugo visitaron este luns as instalacións do serradoiro Hijos de Ramón Rubal, situado en Alfoz, que fornecerá os 430m3 de madeira necesarios para executar as Obras adxudicadas á empresa EGOIN S.A

As obras do edificio forman parte do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico onde a Deputación achega máis de 500.000€

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Urbanismo Sostible de Lugo, Miguel Couto, visitaron este luns as instalacións do serradoiro Hijos de Ramón Rubal, situado en Alfoz, que será o encargado de suministrar os 430 m3 de madeira necesarios para fabricar o taboleiro que se empregará na construción do Impulso Verde. Mantiveron un encontro cos seus xerentes e puideron coñecer de primeira man este centro de traballo, un referente do sector forestal no norte da comunidade.

Pablo Rivera lembrou que as obras do edificio que se levantará na zona da Garaballa forman parte do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, onde a Deputación de Lugo inviste máis de 500.000€. Os traballos foron adxudicados por 1,5 millóns á empresa EGOIN S.A. e contan cun prazo máximo de execución de 15 meses. Esta compañía chegou a un acordo co serradoiro lugués para o suministro da madeira, co que o Impulso Verde será, así mesmo, o primeiro edificio público de Galicia que se constrúe na súa totalidade con madeira autóctona certificada, concretamente da Mariña, cumprindo un dos requisitios fundamentais que establecía o prego de condicións elaborado polo executivo municipal.

Neste senso, Lara Méndez destacou que “dende que puxemos en marcha o proxecto e, pese as dificultades iniciais, mantivemos o noso firme compromiso de apostar pola madeira do noso monte como principal elemento construtivo do edificio, pois queremos demostrar que un novo modelo construtivo máis respectuoso co medio ambiente non só é posible, senón que ademais, pode axudar a dinamizar un sector que conta cun gran peso na nosa economía como é o forestal”.

Non en vano, este sector representa un 2% do PIB da comunidade galega, elevándose ata aproximadamente o 8% na provincia de Lugo. Concretamente, A Mariña é unha das comarcas que rexistra máis curtas de madeira de Galicia e tamén de España.

Este modelo de construción implicará un aforro de consumo enerxético dun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54% respecto aos de nova construción. Polo que se refire ao CO2, emitirá un 90% menos que os edificios de formigón e aceiro (50 toneladas fronte a 470) e, ademais, absorberá 280 toneladas de emisións.

O serradoiro Hijos de Ramón Rubal conta con máis de 85 anos de experiencia dedicados á explotación e xestión forestal. Encargarase da curta da madeira no monte, o transporte, a primeira transformación e o envío do produto final.

O Impulso Verde será a semente do primeiro barrio multiecolóxico que se construirá en España desde cero e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias, que tamén se recollerán nun pioneiro Catálogo de Solucións Sostibles. Actualmente estase a estudar o proxecto polo que logo se rexirá o planemento urbanístico da zona.

Visita serradoiro Alfoz

Características do edificio

O Impulso Verde está deseñado cun sistema de estruturas laminares reticulares de eucalipto para a súa aplicación en cubertas, e un panel de madeira contralaminada de piñeiro radiata para a súa aplicación en edificación en altura.

En canto ás innovacións, será un edificio de balance enerxético case cero, é dicir, será capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Cando estea construído, monitorizarase para avaliar o seu rendemento e detectar, incluso, se pode producir máis enerxía da que consome.

Desde un punto de vista espacial, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinadas ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos. De uso público e con actividade permanente, o Impulso Verde albergará servizos municipais, ademais dun coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático.