Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo rexeita as pretensións de Alcoa

José Tomé Roca
Alcoa
Imaxe deputación de lugo
O Presidente subliña que a institución provincial “estará, coma sempre, cos traballadores e traballadoras, e cos concellos da Mariña para reivindicar o futuro dos mariñanos e do conxunto da provincia”

O anuncio dun despido colectivo “é a proba clara e palpable de que a empresa estivo xogando con todos nós, dado que unha decisión deste calado non se toma en pouco tempo. Obedece máis a unha política de interese económico e xeoestratéxico”

“Acabáronse as fotos baleiras de contido. A Xunta debe poñer enriba da mesa os intereses de Galicia e tomar exemplo do Goberno vasco no relativo ao apoio das empresas estratéxicas do noso país. Cada ano quedan millóns e millóns de euros do IGAPE que non se aplican”

Ademais dun regulamento electrointensivo competitivo, José Tomé pide ao Ministerio de Industria que analice o retorno económico das axudas que recibiu Alcoa porque en moitos casos non cumpriu cos compromisos: “Se dan ese paso, polo menos que non leven ademais o noso diñeiro”

Plantexa ao Goberno de España que “estudie a posibilidade de entrar no accionariado deste tipo de empresas, como o están facendo outros países europeos como Francia ou Alemaña, que están reforzando un sector público de empresas estratéxicas”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mostrou o rexeitamento frontal da institución provincial ás pretensións anunciadas este xoves pola dirección da factoría de Alcoa en San Cibrao dun despido colectivo de 534 traballadores e traballadoras. “É unha moi mala noticia para a comarca da Mariña e para toda a provincia de Lugo, e a Deputación estará, coma sempre, cos traballadores e coas traballadoras, e cos concellos da comarca da Mariña para reivindicar o futuro dos veciños e das veciñas da Mariña e do conxunto da provincia de Lugo. A Deputación non vai quedar impasible, nin pode permanecer ao marxe”, subliñou José Tomé.

A medida anunciada pola compañía, asegurou, “é a proba clara e palpable de que a empresa estivo xogando con todos nós, dado que é unha decisión de moito calado, e iso non se toma en pouco tempo. Para min, isto obedece máis a unha política de interese económico, pero tamén de interese xeoestratéxico que responde a outros intereses”.

O Presidente esixiu á Xunta que tome medidas e exerza as competencias que ten atribuídas en materia de industria polo Estatuto de Autonomía. “Acabáronse as fotos baleiras de contido. Non coñezo ningunha proposta seria que se fixera para solucionar o tema de Alcoa. É hora de poñer enriba da mesa os intereses de Galicia, que son os mesmos que os da provincia de Lugo, os dos traballadores e os dos concellos”. 

“O Presidente de Xunta, o señor Feijóo”, recalcou José Tomé, “debe tomar exemplo do Goberno vasco no relativo ao apoio das empresas estratéxicas do noso país. En Galicia podémolo facer tamén, porque todos os anos quedan millóns e millóns de euros do IGAPE que non se aplican e que non se aportan ao tecido produtivo galego. É o momento de facelo e de poñer solucións encima da mesa”.

Polo que respecta ao Goberno de España, o Presidente recalcou que “é necesario o regulamento electrointensivo que permita ás empresas que operen en España ter unhas condicións semellantes ao resto de Europa. Se ese regulamento pode ser acordado con todos os sectores implicados pois moito mellor, pero necesitamos ese regulamento”. 

Tamén lle pediu ao Ministerio de Industria “que analice o retorno económico das axudas que se lle deron á empresa e que, polo que teño entendido, en moitos casos non serviron para cumprir cos obxectivos. É dicir, non aplicaron esas axudas no que se comprometeron. Que o Ministerio mire, xa que, se dan ese paso, polo menos que non leve ademais o noso diñeiro”. 

Así mesmo, plantexou ao Goberno de España que “estudie a posibilidade de entrar no accionariado deste tipo de empresas, como o están facendo outros países europeos como Francia ou Alemaña, que están reforzando un sector público de empresas estratéxicas”. 

“Creo que destes casos tamén temos que aprender, temos que sacar leccións positivas para o futuro e sobre todo, cando haxa xente que especula coa deslocalización de empresas e non lle importa prexudicar a provincias, a territorios e a comunidades autónomas, como é o caso de Lugo, da Mariña ou de Galicia, pois polo menos que non lle saia gratis e que non o teña fácil, que o teña un pouco máis difícil”, concluíu.