Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación pavimenta con aglomerado a vía provincial que dá acceso ao polígono industrial de Castroverde

José Tomé Roca
Castroverde
estradas provinciais
poligono industrial
Obra Castroverde
Os traballos de mellora da estrada LU-P-1201 contan cun orzamento de case 350.000€ e estanse desenvolvendo nun treito de máis de 2 quilómetros. Estímase que se as condicións meteorolóxicas son favorables, as actuacións rematarán no verán

O Presidente da Deputación, José Tomé, responsable directo da área de Xestión Territorial, informa de que se veñen de realizar os traballos de pavimentación con aglomerado en quente no firme da estrada provincial LU-P-1201, que dá acceso ao polígono industrial de Castroverde. Unhas actuacións que se enmarcan no proxecto de mellora desta vía no que a institución provincial inviste preto de 350.000€. 

As obras desenvólvense nun total de 2,2 quilómetros nesta estrada provincial que une os núcleos de Souto de Torres e Sobrado, dende o punto quilométrico 0 ata o 2,28. Esta semana acometeuse a pavimentación no treito comprendido entre os quilómetros 0,5 e 2,28; logo de realizar o movemento de terras para conseguir o ancho e nivel desexado e a drenaxe transversal mediante a reposición das cunetas con tubos de formigón. Esta estrada dobrou o seu ancho de vía, pasando de ter 4,5 metros aos 8 metros que presenta agora. 

Con este paso, só restaría rematar o formigonado, realizar a debida sinalización horizontal, vertical e balizamento e, ademais, proceder á modificación da ponte do río Chamoso. Unhas actuacións que se estiman que comecen a principios do mes de xuño e queden rematadas estes verán, se as condicións meteorolóxicas son favorables. 

O Presidente explica que “estas melloras beneficiarán a centos de veciños da provincia, pois esta estrada comunica o concello de Castroverde co Corgo e Baralla, e ademais conecta co polígono industrial, polo que a mellora da comunicación tamén beneficia ás empresas xa implantadas e favorecerá que outras se interesen por asentarse neste enclave para emprender proxectos e xerar novos empregos”. 

Tomé Roca explica que o regreso ao traballo do sector da construción permítelle á Deputación contribuír á dinamización da economía provincial, ao mantemento do emprego e á creación de riqueza nesta situación de excepcionalidade derivada do estado de alarma. Engade que “con estas obras materializamos un dos principais obxectivos da Deputación, como é mellorar as comunicacións viarias, que son necesarias para verdadeiramente garantir a igualdade de oportunidades entre toda a veciñanza da provincia de Lugo”.