Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural e Mocidade axiliza o pagamento de 215.000 euros en achegas a asociacións agrogandeiras e colectivos da provincia

Mónica Freire
Medio Rural e Mocidade
Monica Freire
A deputada Mónica Freire mantivo videoreunións co tecido produtivo e asociativo para analizar as súas prioriades tralo impacto da Covid 19

Lugo, 23 de maio.- A Área de Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación Provincial de Lugo axiliza a xestión das axudas a entidades sen ánimo de lucro, concellos, colectivos e asociacións agrogandeiras que estaban pendentes de finalización, e que suman un importe de 215.000 euros.

A deputada nacionalista responsable da área, Mónica Freire Rancaño, sinalou que “durante estes dous meses de alarma sanitaria se mantivo o ritmo de traballo para poñer ao día o pago de axudas e subvencións que estaban en diferentes fases de tramitación ao inicio da Covid 19 para que asociacións, concellos e colectivos dispoñan dos fondos correspondentes ao actual orzamento 2020 no menor tempo posible”.

Así, a suspensión dos prazos nos procedementos administrativos non condicionou o funcionamento  normal da xestión de expedientes e a posta en marcha do plan estratéxico de subvencións para o período 2020-2023, aprobado o pasado 16 de abril.

 Mónica Freire Rancaño explicou que “o uso de medios telemáticos mesmo permitiu aumentar a comunicación co tecido asociativo e produtivo e cos concellos”. “Mantivéronse as videoreunións con representantes de asociacións, agrupacións de produtores, cooperativas agrarias, sindicatos agrarios e xestores públicos nos concellos para intentar atender as súas demandas nesta situación de pandemia e reorganizar prazos e prioridades para aportar solucións dentro das competencias propias da Deputación Provincial”, sinalou.

A deputada mariñá agradeceu “o traballo do servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Lugo, que está a realizar unha función esencial para ampliar o traballo a distancia a toda a estrutura organizativa e de xestión da entidade provincial.