Deputación de Lugo
Formación

A Deputación estuda adaptar o modelo educativo da súa escola ás novas demandas formativas do sector audiovisual

Pablo Rivera Capón
Visita Escola Audiovisual Elías Querejeta.IMG01

O Deputado de Promoción Económica e Social e a directora do CFA visitan a Escola de Cine Elías Querejeta para coñecer o funcionamento deste centro da Deputación de Guipúscoa

Invitados polo Deputado de Cultura e o director da Escola, estiveron acompañados polo director Oliver Laxe, un dos impulsores de que a Deputación se reformule o seu modelo educativo, e mantiveron encontros co director do Festival de Cine de San Sebastián e co responsable de Audiovisuais de Tabakalera

Apostamos por manter o talento lucense na nosa provincia, atraer talento de fóra e avanzar en novos proxectos formativos para asentar poboación nova en Lugo”, asegurou Pablo Rivera

A EQZE naceu en 2017 e xa é un referente na docencia cinematográfica cos postgraos de Creación, Arquivo e Comisariado que a Universidade do País Vasco recoñece como masters propios

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, acompañado pola directora do Centro de Formación Audiovisual, Margarita Soilán, visitaron este martes e mércores a Escola de Cine Elías Querejeta (EQZE) da Deputación Foral de Guipúscoa para coñecer in situ o método docente deste centro, creado en 2017, e que en só tres anos xa se converteu nun referente no eido da formación cinematográfica.

Convidados polo Deputado de Cultura, Denis Itxazo, que vén de ser nomeado esta mesma semana Delegado do Goberno no País Vasco, e polo director da Escola, Carlos Muguiro, tamén estiveron acompañados polo director Oliver Laxe, un dos cineastas de recoñecido prestixio internacional que participa neste proxecto, e que esta semana imparte a materia Azar e control dentro do postgrao de Creación. Laxe é ademais un dos impulsores de que a Deputación se estea a reformular o modelo educativo do seu Centro de Formación Audiovisual.

Durante a visita mantiveron encontros co director do Festival de Cine de San Sebastián, José Luis Rebordinos, co responsable  de Audiovisuais do Tabakalera Centro Internacional de Cultura Contemporánea, Víctor Iriarte, e co responsable de cultura do Diario Vasco, Alberto Moyano.


Pablo Rivera destacou que “en Lugo temos moito talento audiovisual, como quedou acreditado co recoñecemento a profesionais lucenses nos Premios Goya, nos Premios Feroz ou no Festival de Cannes. Desde a Deputación apostamos por manter ese talento na nosa provincia e mesmo atraer talento de fóra, e avanzar en novos proxectos educativos para asentar poboación nova en Lugo. Estamos estudando adaptar o modelo docente da nosa escola ás novas demandas formativas do sector. Por iso queremos coñecer o funcionamento da EQEZ, un centro internacional de pensamento, investigación, práctica experimental e innovación pedagóxica, que apoia aos creadores de ámbito audiovisual e pretende asentar unhas bases sólidas para un sector de gran potencial no territorio”.

Titoría e acompañamento dos proxectos
Creada e financiada pola Deputación Foral de Guipúscoa, na EQZE participan a Filmoteca Vasca, o Festival de Cine de San Sebastián e Tabakalera Centro Internacional de Cultura Contemporánea, cos que comparte edificio. Trátase dun proxecto pedagóxico que inclúe tres programas de postgrao: Arquivo, Comisariado e Creación. O profesorado está formado por profesionais do cine de acreditado prestixio nas tres áreas. Ademais, desde 2019 a Universidade do País Vasco recoñece estes postgraos como masters propios.

Para achegarse ao método docente da EQZE, baseado na titoría e acompañamento dos proxectos, o Deputado e a directora do CFA, asistiron a diversas actividades, como o encontro Akelarre, no que participaron os 15 alumnos do postgrao de Creación e os seus sete titores, entre eles, Oliver Laxe. Durante esta xuntanza, fixeron entre todos un seguimento dos proxectos presentados en novembro. O alumnado deu conta do traballo feito nestes tres meses e os titores opinaron sobre os mesmos. Ademais, estiveron presentes, para coñecer a evolución destes proxectos, varios programadores do Festival e de Tabakalera. Rivera Capón e Soilán Carbia tamén asistiron a clases dos outros dous postgraos e mantiveron un encontro con exalumnos.

Aposta pola marca Lugo no mundo audiovisual
Rivera Capón lembrou que a Deputación aposta pola formación da mocidade lucense como unha das vías de futuro e riqueza para a nosa provincia. “Faino desde hai anos apoiando ao Campus Terra e tamén co Centro de Formación Audiovisual, a antiga Escola de Imaxe e Son de Lugo, onde impartimos unha formación técnica de ensinanzas da rama audiovisual, única na provincia”.

“Desde a Deputación tamén traballamos para converter a nosa provincia nun plató de cine. Os exemplos máis recentes son o patrocinio das rodaxes de O sabor das margaridas ou Arima, e a nosa participación nas multipremiadas O que arde, Dhogs e A Sombra da lei. Traballamos, por tanto, para asentar poboación nova e formada na nosa provincia e por crear a marca Lugo dentro do mundo audiovisual”.

Proxecto aberto e en permanente construción
Segundo os responsables da EQZE, a Escola está formulada como un proxecto pedagóxico aberto e en construción permanente. O seu obxectivo final é formar cadros técnicos á marxe dos modelos docentes tradicionais e estandarizados, estimulando o xurdimento de cineastas cunha mirada integral do cine, capaces de xerar realidades cinematográficas novas desde os puntos de vista laboral, conceptual, creativo ou profesional. Os itinerarios son postgraos nos que se combina a docencia, a práctica experimental, os tránsitos profesionais e o desenvolvemento de proxectos persoais.

A parte docente consta de seis módulos, cada un ten unha duración de cinco ou sete semanas, e posúe a súa propia coherencia pedagóxica, de tal xeito que todas as actividades xiran en torno a un tema central. Entre módulo e módulo contémplase unha semana sen clases nin sesións presenciais na escola, destinada ao traballo persoal e ás prácticas profesionais. O alumnado realiza ao longo do curso un  mínimo de 100 horas de prácticas profesionais na Filmoteca, no Festival e no Centro Cultural de Tabakalera, así como un proxecto que é titorizado. O ciclo tamén pretende ser un espazo de investigación a través da posta en marcha e o financiamento de proxectos, e do apoio a investigadores con axudas anuais pre e post doctorais.