Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación abre mañá o prazo de solicitudes para as máis de 1.405 prazas de Lugo Termal

lugo termal
benestar social
O Balneario e Termas de Lugo, o Hotel Balneario Río Pambre de Palas de Rei e o Hotel Balneario de Augas Santas de Pantón son os tres establecementos participantes

O programa de termalismo, dispoñible ata xuño do 2020, ofrece descontos en diferentes modalidades para as persoas maiores de 55 anos da provincia

A Deputación de Lugo abre mañá o prazo de solicitudes para as máis de 1.405 prazas de Lugo Termal. O programa de termalismo desenvolverase este ano en tres establecementos participantes (o Balneario e Termas de Lugo, o Hotel Balneario Río Pambre de Palas de Rei e o Hotel Balneario de Augas Santas de Pantón) e está dirixido aos maiores de 55 anos que estean empadroados na provincia. A solicitude poderá realizarse tamén, a partir das 00.00 horas, a través da páxina web da Deputación de Lugo, www.deputacionlugo.gal.

Lugo Termal, co que dende hai xa oito anos a Deputación provincial favorece o benestar social e impulsa o turismo, ofrece 1.405 prazas (1.167 con estancia e 238 sen estancia) con descontos de máis de 60 euros para recibir terapias mineromedicinais, ata xuño do 2020. Realizarase aos usuarios e usuarias un control médico, recoñecemento previo a aplicación das técnicas termais, así como, seguimento e un informe médico final a petición do usuario.


Os beneficiarios das prazas poderán acudir cun acompañante, que tamén terá a posibilidade de desfrutar destes descontos aínda non tendo máis de 55 anos. Outra das características diferenciais do programa de termalismo provincial é que permite o acompañamento de persoas con discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais, garantindo o seu acceso e goce dos tratamentos termais.


Modalidade con estancia
A modalidade con estancia contempla seis días e cinco noites en pensión completa, o prezo a pagar polos usuarios e usuarias é de 189,50 euros. Inclúe servizo de cea e aloxamento o día de entrada e o servizo de almorzo e xantar o día de saída, podéndose alternar por servizo de xantar e cea o día de entrada e almorzo o día de saída, acordando previamente co balneario. Será en habitacións de uso compartido (os usuarios que soliciten unha individual, se o balneario ten dispoñibilidade, aboarán a diferenza correspondente aos prezos establecidos). Aplicaranse un mínimo de 15 técnicas termais, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconsellen, e haberá un programa de animación sociocultural de luns a xoves.


Modalidade sen estancia
A modalidade sen estancia contempla dez días (de luns a venres) e o prezo a pagar polos usuarios e usuarias é de 200 euros. Inclúe 30 técnicas termais como mínimo, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconsellen.