Deputación de Lugo

O Presidente trasládalle ao reitor da USC a vontade da Deputación de seguir traballando para impulsar o Campus Terra

José Tomé Roca
USC
Campus Terra
Reunión do presidente co reitor da USC
José Tomé e Antonio López mantiveron un encontro esta mañá para afondar nas liñas de colaboración que a Deputación ten establecidas coa Universidade co fin de darlles continuidade e establecer novas accións que axuden a dinamizar a provincia

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, mantivo este xoves en San Marcos unha reunión co reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e coa Vicerreitora de Coordinación do Campus Terra, Montserrat Valcárcel, para ratificar o clima de bo entendemento e máxima colaboración que existe entre ambas entidades. 

No encontro, o titular do Goberno Provincial trasladoulle ó reitor da USC a vontade de seguir traballando nas diferentes liñas de colaboración que agora mesmo están activas entre a Universidade e a Deputación. Ambos dirixentes intercambiaron opinións e actualizaron información, tamén coa mirada posta en explorar futuras sinerxías para desenvolver a curto e medio prazo. 

Tomé Roca salientou que “nos últimos anos o Plan de Choque é unha aposta decida para impulsar e situar o Campus Terra no lugar que merece, por iso dende a Deputación se vén renovando nos últimos anos esa contía que ascende aos 350.000 euros”. Ademais, explicou que existen outros convenios importantes coma a construción dun Centro Experimental de Leite, a explotación de porco celta na Granxa Gaioso Castro ou, por exemplo, os convenios que permiten que se realicen xornadas ou cursos por toda a xeografía da provincia”. 


Máis encontros
O presidente da Deputación tamén recibiu ao longo da mañá deste xoves ao alcalde de Láncara, Darío Piñeiro; ao presidente da Fundación do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, Rubén López, e ao presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real. Uns encontros que serviron para coñecer a realidade e necesidades de cada un dos organismos que representan e poder establecer novas vías de colaboración.