Deputación de Lugo
Medio ambiente

Lugo será a referencia do mundo equino coa celebración do Salón EQUIGAL promovida por Deputación e Concello

Lugo
Equigal
EQUIGAL 2019
Equigal 2019 ofrecerá do 17 ao 19 e do 24 ao 26 de maio de 2019 actividades deportivas, concursos ou exhibicións relacionadas co mundo cabalar. A entrada é de balde

López Izquierdo sinalou que “como cada ano, esta cita, converte á cidade de Lugo e á Provincia, durante dous fines de semana, na capital ecuestre do mundo, reunindo a preto de 10.000 persoas chegadas de diferentes puntos da península”

Haberá unha zona de exposición e venda e unha zona de ocio infantil, no que se ofertarán diversas actividades, todas elas relacionadas co mundo do cabalo e dirixidas aos máis cativos

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo; o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro Villares; o xerente do Pazo de Feiras e Exposicións, Rubén López; e o Xerente de ROF Codina, Felipe de la Cruz Palomino, presentaron este luns na Praza de San Marcos, a décimo segunda edición de Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia, que se celebrará no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo do 17 ao 19 e do 24 ao 26 de maio de 2019. O Executivo Provincial, colabora con este evento, no que a entrada é gratuíta, realizando unha achega económica de 40.000 euros.

Como cada ano, haberá a Exhibición de Saltos de Obstáculos Cidade de Lugo; o Concurso Nacional de Cabalos de Pura Raza Árabe, puntuable para o campionato de España; e o Concurso Internacional de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, que puntuará para o campionato do mundo A.N.C.C.E. Ademais, nesta nova edición, celebrarase, como novidade, os Xogos Ecuestres Federados; unha competición a nivel federativo de distintas disciplinas hípicas: andadura, enganches, horseball, ou doma clásica, entre outros.

López Izquierdo sinalou que “como cada ano, Equigal, converte á cidade de Lugo e a Provincia, durante dous fines de semana, na capital ecuestre do mundo, reunindo a preto de 10.000 persoas chegadas de diferentes puntos da península. Esta é a cita perfecta para apreciar a beleza destes animais, así como desfrutar das numerosas actividades e certames nos que poderemos ver a algúns dos mellores exemplares do país. Equigal é unha cita completamente asentada na nosa provincia, que ano tras ano, conta con gran éxito de participación e de público, pois nas últimas edicións superáronse os 16.000 visitantes”.

Programación
17 de maio
- Exhibición de Salto de Obstáculos Cidade de Lugo: estas probas, que consisten no franqueo a cabalo de varios obstáculos construídos con barras, disputaranse seguindo varios baremos: contrareloxo, caza, potencia... e clasificaranse en distintos de acordo coas alturas, que oscilan entre o 1.10 metros e o 1.60 metros.
- Concurso de Andadura Galega Federado: esta é unha proba na que se recoñece á Andadura Galega como modalidade federada de deporte de Galicia. Existen dúas modalidades diferenciadas na marcha: a marcha serrada, ou de dous tempos e a marcha chapeada, de catro tempos. Este concurso pon a proba a velocidade sempre en conxunto coa técnica; realizaranse carreiras ao cronómetro en liña recta.

Do 18 ao 19 de maio
- Concurso Nacional Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Árabe: neste tipo de concurso realizase un estudo da morfofuncionalidade; por unha banda, o Concurso Morfolóxico é a clasificación segundo a calidade racial, dunha serie de exemplares; e por outra banda, valoraranse aptitudes de cada exemplar en canto á monta, ou á doma, entre outros. Este Concurso Morfolóxico, réxese polo regulamento da AECCA (Asociación Española de Criadores de Cabalos Árabes), e como novidade, puntuará para o Campionato de España.
A través deste concurso, preténdese dar a coñecer o cabalo de pura raza árabe, así como fomentar o interese a nivel autonómico e nacional por esta modalidade deportiva e tradicional.

19 de maio
- Torneo de Horseball: esta é una disciplina relativamente actual que combina equitación e baloncesto e que require dunha gran habilidade e resistencia dos cabalos. O torneo enfronta a dous equipos de 6 xogadores, que portando un balón con asas de coiro, deben conseguir o maior número de goles. As canastas, a diferencia do baloncesto, teñen un aro vertical e o balón conta con asas para poder suxeitalo e recollelo do chan.

Do 24 ao 26 de maio
- Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española: tamén neste certame, realízase un estudo da morfofuncionalidade; por unha banda o concurso morfolóxico que clasificará aos exemplares de acordo coa calidade racial; e por outra banda, valoraranse as aptitudes de cada exemplar en canto á monta, ou á doma, entre outros.

25 de maio
- Exhibición Carrusel Infantil por Hípica Amazonas: no que unha vintena de rapaces e rapazas montados nos seus cabalos, exhibirán exercicios de doma e sincronización nun espectáculo musical.

26 de maio
- Proba da enganches: son probas de velocidade, que consisten en evitar derribar os obstáculos. Existen catro categorías: sulkis, limoneras, troncos e cuartas; e tres probas: doma, maratón e proba de conos ou manexabilidade.

Exposición e ocio
Ademais, en  Equigal 2019 haberá unha zona de exposición e venda, que estará formada polas ganderías participantes nos concursos morfolóxicos e unha zona de ocio infantil, no que se ofertarán diversas actividades, todas elas relacionadas co mundo do cabalo e dirixidas aos máis cativos, como inchables ou paseos ecuestres. Nesta cita, haberá un servizo de cafetería ininterrompido dende a apertura do Salón ata o seu peche.

Un salón consolidado
Equigal naceu no ano 2008 e dende entón logrou consolidarse coma o Salón Ecuestre de referencia no noroeste de España e un evento xerador de recursos económicos e de emprego. O certame conta coa colaboración da Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE), que goza dun gran prestixio a nivel nacional e internacional, avalado polas exportacións de cabalos das súas ganderías a diversos países de Europa e América.

 

EQUIGAL 2019