Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos acolle a proxección de 6 curtametraxes contra a violencia de xénero, a través do programa Mulleres con Forza

mulleres con forza
O Pazo de San Marcos
Proxeccción de curtometraxes contra a violencia de xénero
López Izquierdo destacou que “a través destas pezas audiovisuais, damos visibilidade á violencia contra a muller, un problema que afecta a toda a sociedade e ao que temos que facer fronte cada día. Con estas curtas, afondamos en diferentes tipos de agresións contra ás mulleres: violencia no fogar ou tráfico de mulleres, entre outros”

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, xunto á Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, presentaron, este luns, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, o Ciclo de curtos contra a Violencia de Xénero. Esta cita, enmárcase nas novas actividades do programa Mulleres con Forza, posto en marcha por Deputación e Concello co fin de achegar o feminismo á cidadanía.

López Izquierdo sinalou que “a través das 6 pezas audiovisuais que proxectamos, esta tarde, damos visibilidade á violencia de xénero un problema que afecta a toda a sociedade e ao que temos que enfrontarnos cada día. Afondamos, a través destas curtametraxes, en diferentes tipos de agresións contra ás mulleres: violencia no fogar ou tráfico de mulleres, entre outros. Coa programación de Mulleres con Forza, que inclúe novas actividades ao longo dos meses de abril, maio e xuño, empoderamos a figura da muller e achegamos o feminismo á cidadanía”.

Nesta xornada, proxectáronse un total de 6 curtametraxes, todas elas relacionadas co mundo da violencia de xénero. As pezas audiovisuais que se visionaron foron as seguintes:

- El orden de las cosas: dirixida por José Esteban Alenda e César Esteban Alenda, esta peza audiovisual narra a vida de Julia que transcorre na bañeira. Gota a gota reunirá o valor necesario para cambiar o orde das cousas.
- No aguanto a tus padres: dirixida por Javier Cano e interpretada por David Bendito e María Zabalza, denuncia a violencia contra as mulleres no fogar.
- Miente: da man da directora Isabel de Ocampo e galardoado cun premio Goya, narra a historia sobre o tráfico ilegal de mulleres, a través da mirada dunha prostituta.
- Recursos humanos: o director Joan Álvarez Lladós, amosa nesta curta unha visión do mobbing e do acoso psicolóxico no traballo.
- Deazularrojo: esta produción dirixida por Ana Lorenz e interpretada por Ramon Orozco, David Matarín e Nuria Herrero, conta a historia dunha forma moi innovadora e con moi bos medios técnicos. Esta curta foi galardoado co premio NotodoFilmFest.
- Libre directo: dirixido por Bernabé Rico, narra a historia de Adela, unha muller de 60 anos que vive unha vida que nunca desexou ter, sen fillos e cun marido que a anula. Un día ofrécenlle a oportunidade de deixar a súa vida atrás cumprindo un único requisito: meter un gol desde o centro do campo. Sen botarse atrás, Adela decide adestrarse para o gran día.