Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Segue aberto o prazo para solicitar as axudas da Deputación para pilotos de rally, por valor de 45.000 euros

Deportes
axudas rallies
Pablo Rivera Capón
Imaxe deputación de lugo
- O prazo permanecerá aberto ata o luns 1 de abril e poden acceder as axudas todos os deportistas federados interesados, a contía mínima será de 300 euros e a máxima de 5.000 euros
- Toda a información e requisitos, así como a documentación necesaria atópase a disposición dos interesados na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.gal

O prazo para solicitar as axudas para pilotos de rally lucenses da Deputación continúa aberto logo da publicación das bases no BOP do pasado sábado 16. Este ano as axudas suman un total de 45.000 euros, todos os deportistas federados interesados teñen ata o luns 1 de abril para solicitalas. Toda a información e requisitos, así como a documentación necesaria atópase na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.gal.

Este ano establécense unhas contías que van desde os 300 euros aos 5.000 euros, ademais, flexibilizáronse as bases para fomentar a participación dos pilotos máis novos: redúcese o peso do palmarés nos varemos mentres que as Copas de Promoción puntuarán máis alto. Un ano máis tamén se terán en conta criterios sociais: como as solicitudes de pilotos con capacidades diferentes, as de mulleres piloto e as de pilotos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. 

Esta liña de axudas de carácter competitivo está aberta a todos os pilotos federados da provincia nas modalidades de rally de asfalto, terra e montaña, e con elas poderán sufragar os gastos federativos da actividade competitiva, a inscrición para competicións ou probas oficiais, a compra ou aluguer do vehículo de competición, gastos de transporte do vehículo e material de competición, así como a adquisición de pneumáticos do vehículo.