Cultura
Deputación de Lugo

A Capela de Santa María volve encherse co concerto de Zoelas, incluído na programación do MusicAD

cultura
música
Concerto de Zoelas
O ciclo de música continuará durante todo o mes de marzo.

Trátase dunha proposta para dar a coñecer as últimas tendencias dentro da música tradicional e o folk, tanto galego como internacional.

As entradas, completamente gratuítas poden retirarse na web: www.entradas.ataquilla.com

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, participou este sábado no concerto de Zoelas, que tivo lugar na Capela de Santa María, dentro da programación do MusicAD. A actuación foi todo un éxito de público, completándose o aforo da sala, coas entradas de balde esgotadas dende mediados de semana.

Durante o concerto as voces de Beatriz García, María Bouzas, Pilar Naveira e Érica García, Patricia Coucheiro, partiron da música tradicional, co seu peculiar canto coral, e mesturárona con melodías doutros estilos, xuntando tamén as letras propias con coplas froito da recolleita; estiveron acompañadas pola guitarra de Michel Rivadulla, a Requinta, Zanfona e Gaita de Bruno Villamor e as percusións de Miguel Varela “Miki”.

Próximos concertos
A programación do MusicAD continúa durante este mes de marzo, unha proposta para dar a coñecer as últimas tendencias dentro da música tradicional e o folk, tanto galego como internacional. As entradas, completamente gratuítas poden retirarse na web www.entradas.ataquilla.com.

O concerto de Candorka Trío, que terá lugar o día 30 de marzo, leva xa días coas entradas esgotadas. Para as actuacións de Ana Alcaide, o sábado 16, e de Fernando Barroso & Margarida Mariño, o día 23, aínda hai dispoñibles, e poden retirarse un máximo de 2 por persoa.

Exposición
O público que asistiu ao concerto tamén puido ver a mostra fotográfica exposta na Capela de Santa María, e que permanecerá aberta ata o 30 de marzo, No carro un latexar. Cultura popular e identidade no Folión de Chantada, de Lydia Castro. Constituída por 25 imaxes, a exposición pretende poñer en valor a tradición e a cultura galega, en especial a que xira en torno ao carro.