Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Rivera Capón destaca a importancia da formación xurídica no deporte, na clausura da Xornada de dereito deportivo

Xornada de dereito deportivo
Rivera Capón destaca a importancia da formación xurídica no deporte, na clausura da Xornada de dereito deportivo
O Deputado de Deportes subliñou que “é importante coñecer as normas e os principios que rexen os clubs no referente a contratos, ou cuestións relativas a seguros, responsabilidade civil ou mesmo no referente aos dereitos de imaxe dos xogadores profesionais”

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, clausurou este xoves, xunto ao representante da Asociación Dereito Deportivo, Jacobo Vázquez Rodríguez, a I Xornada sobre Dereito Deportivo celebrada en Lugo. Alí, destacou “a complexidade da lexislación deportiva e a necesidade de estar ao día neste eido, xa que o deporte é un dereito constitucional que debemos promover desde as institucións públicas, cómpre estar informado sobre o campo legal das actividades deportivas, neste caso, a través de estruturas asociativas como son os nosos clubs deportivos”.

Rivera Capón subliñou, ao fío da temática que se desenvolveu nesta xornada, que “é importante coñecer as normas e os principios que rexen os clubs no referente a contratos, ou cuestións relativas a seguros, responsabilidade civil ou mesmo no referente aos dereitos de imaxe dos xogadores profesionais”.

“Dende a Deputación, tendémosvos a man e colaboramos con esta xornada. E o feito de que se reúnan neste encontro membros dos distintos clubs deportivos da provincia: Club Deportivo Lugo, Club Baloncesto Breogán, Club Voleibol EMEVÉ, e Club Baloncesto Durán Maquinaria Ensino, é proba de que debemos atender ás necesidades de todos os axentes que participan deste sector, como poden ser clubs, federacións ou deportistas. Xornadas coma esta contribúen a informar sobre os posibles dificultades que poden xurdir nos equipos deportivos”.

Na segunda parte da xornada, avogados e asesores xurídicos trataron aspectos actuais do dereito deportivo, tales como as relacións co Comité Galego de Xustiza Deportiva, a figura do asesor xurídico das entidades deportivas, os dereitos de formación dos xogadores base que se crean e forman en equipos base e se converten en profesionais, ou os límites nas axudas públicas ao deporte.