Deputación de Lugo

O Presidente explica aos veciños que o PP vendeu estando á fronte da Deputación 60.000m2 de solo público urbanizable a un particular na contorna do parque de Paradai

SOLO PUBLICO
PARADAI
José Tomé Roca informa de que, a tres días do cambio de Goberno no 2007, nun período de transición e interinidade, baixo a presidencia do PP con Cacharro, a Deputación vendeu a un particular 66 parcelas cunha superficie conxunta de59.382,43ms2 por 3M€ na contorna do parque de Paradai, algunhas delas, co mobiliario urbano e os sendeiros incluídos

O seu mantemento estaba encargado a SUPLUSA, e os responsables desta Sociedade Urbanística Provincial seguiron facendo os traballos

En canto os técnicos provinciais tiveron coñecemento desta situación e lla trasladaron ao Presidente -hai en torno a un mes-, este deu orde de que a Deputación deixe de facer a conservación porque non son terreos públicos, son propiedade de particulares, que deben ocuparse destas tarefas, como así recolle o artigo 135.3 da Lei do Solo

“Creo que isto só ten un nome e chámase pelotazo. Tanto tempo despois, vémonos na obriga de seguir limpando a Deputación de Lugo das consecuencias da mala xestión do Partido Popular, como fixemos no pasado mandato coa extinción de SUPLUSA, e como ocorreu con todas as irregularidades detectadas na Fundación Tor ou na Granxa Gayoso”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou este martes duns feitos “graves, vinculados coa xestión do Partido Popular á fronte desta institución, dos que tivemos coñecemento fai moi pouco tempo, e que a cidadanía, todos os veciños e veciñas da provincia de Lugo, deben saber, por transparencia e por hixiene democrática”.

José Tomé explicou que, tres días antes do cambio de Goberno na Deputación de Lugo, o día 11 de xullo de 2007, baixo a Presidencia de Francisco Cacharro, a institución vendeu a un particular un total de 66 parcelas de solo público de titularidade da Deputación na contorna do parque de Paradai, na cidade de Lugo. “Algunhas delas, ata co mobiliario urbano incluído, como bancos e sinais, e tamén cos sendeiros”.
“Nun momento de interinidade, estando en funcións, tan só uns días antes do cambio de Goberno, a Deputación vendeu un total de 59.382,43 metros cadrados de terreo, cualificado como solo urbanizable, por un importe de 3.031.041,63€. Así figura na escritura de compra- venda asinada ante notario, con data de 11 de xullo de 2007, e rexistrada no Rexistro da Propiedade o día 13 dese mesmo mes”, explicou o Presidente.
Unha operación urbanística, recalcou o mandatario provincial, “que se fixo nun momento político de transición, o 11 de xullo de 2007, cando se celebraran xa as eleccións municipais dese ano, e tan só tres días antes de que tomara posesión José Ramón Gómez Besteiro como Presidente da Deputación. A venda dos terreos escriturouse o día 11 de xullo de 2007, rexistrouse o día 13, e Besteiro tomou posesión o día 14 de xullo de 2007”. O Presidente lembrou que estando en funcións, legalmente os gobernos só poden acometer actuacións de trámite, e non este tipo de operación de compra venda.


O mantemento destes terreos, asegurou o Presidente, estaba encargado a SUPLUSA, “e os responsables desta Sociedade Urbanística Provincial seguiron facendo os traballos de conservación e de adecentamento, posiblemente porque se o deixaban de facer se descubriría o ocorrido”.


José Tomé explicou o día 21 de marzo de 2023, a sección de Inventario da Deputación solicitou a Catastro o cambio dos datos de titularidade das parcelas, que ata entón figuraban catastralmente como propiedade de SUPLUSA na sede electrónica de Catastro. O día 28 de abril de 2023, a Xerencia Territorial de Catastro realiza o cambio de titularidade con efectos de 11 xullo de 2007.


En abril de 2024, o servizo provincial de Medio Ambiente, dentro das súas funcións, proxecta a mellora de equipamentos do Parque de Paradai, e, vendo que parte das propiedades son de titularidade privada e tendo constancia dos anteriores puntos, procedeua indicar ao medio propio da Deputación que se encarga do mantemento das zonas verdes, Tragsa, a nova delimitación de zona verde deste espazo, limitando o mantemento ás zonas de servidume do río rato (5 metros a cada marxe do mesmo) e ás parcelas de titularidade pública, deixando de realizarse nas de titularidade privada, sendo os responsables do mantemento do bo estado das mesmas os seus propietarios, de acordo co artigo 135.3 da Lei do solo.
Desta forma, en canto os técnicos provinciais tiveron coñecemento desta situación e lla trasladaron ao Presidente, algo que ocorreu hai en torno a un mes, José Tomé deu a orde de que a Deputación “deixe de facer o mantemento, porque non son terreos públicos, senón propiedade de particulares”.


José Tomé destacou que a Deputación seguirá facendo o mantemento das zonas verdes públicas do Parque de Paradai, a través do seu medio propio, Tragsa, e non só iso, pois a institución vén de adxudicar obras de mellora da sinalización e do equipamento deste espazo por un orzamento de practicamente 50.000€. De feito, foi precisamente no momento no que os técnicos de Medio Ambiente iniciaron o procedemento contractual para acometer estas melloras cando descubriron o cambio de titularidade.

“A forma que ten o PP de entender a xestión pública”

“Creo que isto só ten un nome, e chámase pelotazo, que pon de manifesto a maneira de entender a xestión pública que ten o Partido Popular, poñendo os intereses particulares por riba dos xerais”, afirmou o Presidente, para quen, “ademais de embarrar a vida política con bulos, con insidias e ata con autoanónimos, o PP, entre patria e patrimonio, sempre escolle patrimonio para o bolsillo”.
Estes feitos, engadiu, “tamén poñen de manifesto que non todos somos iguais, nin moitísimo menos. O Partido Popular pensa no seu. Sen embargo, o Partido Socialista pensa, sempre, no interese xeral, na maioría social, en mellorar a calidade de vida e o benestar do conxunto da cidadanía”.


“Tanto tempo despois, vémonos na obriga de seguir limpando a Deputación de Lugo das consecuencias da mala xestión, da neglixente e irresponsable xestión do Partido Popular, como, por exemplo, fixemos no pasado mandato coa extinción da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA), e como ocorreu anteriormente, con todas as irregularidades detectadas na Fundación Tor ou na Granxa Gayoso Castro”, remarcou o Presidente, quen asegurou que, “nun tempo no que debemos apelar e traballar pola rexeneración democrática, creo que a cidadanía debe coñecer este tipo de actuacións, que, desde logo, non teñen cabida nunha democracia forte e saudable como á que debemos aspirar, porque só unha democracia forte e saudable nos garante liberdade e xustiza para todos e todas os cidadáns”.