Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia organiza o I Ciclo de Música Medieval Lugo de trovas e cantigas, cun concerto ponencia de salterios

Ciclo de Música Medieval
Salterio Medieval
Capela de Santa María
sons dos camiños
Begoña Olavide e Carlos Paniagua serán os encargados deste concerto que se celebra na Capela de Santa María acolle este mércores, 24 de abril, ás 21 horas

O xoves comeza no Centrad a segunda edición de “Sons dos Camiños", un curso de interpretación de música medieval, coordinado por Francisco Luengo, e da man de intérpretes con recoñecemento internacional

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía e Deseño, organiza o primeiro ciclo de Concertos Medievais Lugo de Trovas e Cantigas,  con catro concertos en emprazamentos singulares e simbólicos desta etapa histórica na provincia que se desenvolverán nos vindeiros meses. 

A primeira cita será esta mércores -24 de abril- na Capela de Santa María, en Lugo, cun concerto ponencia centrado nos salterios medievais e a súa recuperación. A artista Begoña Olavide e o luthier Carlos Paniagua serán os encargados de poñer son e historia a este instrumento, a partir das 21.00 horas, e con entrada de balde. 

Os salterios medievais son instrumentos desaparecidos, esquecidos no tempo e ausentes en museos e coleccións. Este instrumento vese representado en un gran número de esculturas, pinturas e miniaturas de códices en toda Europa, o que dá a entender a importancia deste instrumento durante toda a idade media.

Olavide e Paniagua achegan así a Lugo os seus coñecementos e longa experiencia na recuperación deste instrumento co que presentarán reproducións de distintos tipos de salterios construídos no seu taller de luthería ao tempo que explican as características e mostran os peculiares sons.

O vicepresidente da Deputación e Deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro destacou a importancia do concerto “que abre o ciclo de música medieval, o primeiro destas características en Galicia” e convidou a asistir a esta cita coa que “ a sociedade lucense se achegará á historia da nosa tradición e poderá coñecer unha nova parte da historia da música”. 

Curso de música medieval
Dentro da proxección que a Vicepresidencia da Deputación busca dar á música medieval, este xoves 25 de abril comeza a segunda edición do curso Sons dos Camiño. Trátase dunha formación na interpretación destes sons nun programa dirixido e coordinado por Francisco Luengo e que conta con interpretes de recoñecemento internacional como Manuel Vilas,  Bor Zuljan, Begoña Olavide ou Paloma Gutiérrez del Arroyo, ademais do propio Luengo.

Esta segunda edición, que se celebrará no Centro de Artesanía e Deseño ata o vindeiro domingo, 28 de abril, vertebrarase en torno ao Códex Calixtinus e á monodia conservada neste coñecido manuscrito do século XII. 

Arredor de 40 persoas traballarán pezas de tradición oral e sobre o propio manuscrito, así como notacións máis antigas (neumas primixenios dos séculos IX e X) que codifican outras pezas que serviron como modelo para construír a liturxia do apóstolo Santiago. Todo iso, co obxectivo de entender a modalidade medieval e o xesto vocal destes cantos e de trasladar eses coñecementos á memorización e á codificación de pezas melismáticas e de ritmo libre da tradición oral viva.

Os asistentes traballarán pezas instrumentais do repertorio medieval, danzas e cantigas. Impartiranse clases de técnica adaptada ao nivel de cada participante. Tamén teranse que enfrontar ao reto de como acompañar a monodia vocal, cando non hai apenas indicacións nen indicios de como era esa práctica.  Igualmente, terán que coñecer a modalidade medieval e descubrir os recursos de imitación, glosa, etc. característicos das culturas musicais que aínda hoxe cultivan a música monódica.  

As persoas interesadas en participar poden mandar os seus datos ao correo info.centrad@deputacionlugo.org ata mañá, mércores 24 de abril. A inscrición é de balde.

Instrumentos medievais
O Centro de Artesanía e Deseño acolleu en abril do ano pasado a primeira edición do curso de interpretación de instrumentos medievais Sons dos Camiños, daquela centrado nas Cantigas de Santa María e no repertorio de trobadores como Martín Códax ou o Rei Don Dinis. 

A comezos de marzo, desenvolveuse alí unha xornada de iniciación aos instrumentos medievais de vento, a cargo do musico e artesán de instrumentos tradicionais Olimpio Xiráldez. Ademais, desde o ano 2021, a área de Artesanía e Deseño organiza o encontro Celme de Zanfona, que reúne en Lugo a músicos e persoas estudosas deste instrumento de orixe medieval.

No relativo á actividade expositiva e de difusión do patrimonio, o Centro de Artesanía e Deseño conta cunha Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros que inclúe un representativo conxunto de instrumentos medievais construídos a partir da iconografía da época. Unha escolma deses instrumentos estase a mostrar en distintas localidades de Galiza e do resto do Estado coa exposición itinerante “A memoria do son”