Deputación de Lugo
Emprego

O Presidente subliña en Monforte o éxito do programa Xunt@s da Deputación, no que xa participaron un milleiro de veciños e veciñas da provincia

programa Xunt@s
José Tomé Roca salientou este mércores a boa acollida desta iniciativa provincial na apertura da conferencia Promoción da saúde e proxecto de vida celebrada no Centro Cívico monfortino dentro do calendario de accións, que chegará a 25 concellos lucenses ata xuño

O mandatario provincial explicou que con Xunt@s a Deputación de Lugo busca favorecer o envellecemento activo, enriquecer a oferta de ocio e cultural dos concellos, e mellorar a calidade de vida e o benestar da veciñanza

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, abriu este mércores en Monforte de Lemos a conferencia Promoción da saúde e proxecto de vida  no marco do programa Xunt@s que a institución provincial está desenvolvendo nos concellos da provincia dende principios de ano. Unha charla á que asistiron unhas 70 personas e que impartiron os doutores da Real Academia de Medicina de Galicia José Luis Rodríguez-Villamil, xeriatra, e Rosendo Bugarín, médico de familia e comunitario.

José Tomé salientou o éxito deste programa de actividades gratuítas de lecer e  formación que percorrerá ata o mes de xuño 25 concellos lucenses. “Xa participaron 1.000 veciños e veciñas da provincia, o que nos dá boa mostra de que funciona e de que estamos dando resposta ás necesidades e intereses que ten a nosa poboación”, subliñou. A iniciativa, explicou, busca favorecer o envellecemento activo, enriquecer a oferta de ocio e cultural dos concellos, e mellorar a calidade de vida e benestar da veciñanza, o que contribúe a fixar poboación.

“O programa Xunt@s, e o traballo que fai a Real Academia de Medicina de Galicia, son un bo exemplo de como cambiou a forma de concibir a atención sanitaria e o propio envellecemento. A saúde non consiste só en tratar as enfermidades, senón en actuar para previlas, en potenciar os hábitos saudables, no exercicio, na boa nutrición ou o lecer activo”, salientou ao inicio da conferencia celebrada hoxe no Centro Cívico de Monforte.

O mandatario provincial afondou en que “as mellores condicións de vida fixeron que a esperanza de vida se fose alongando. Vivimos máis tempo, e debemos procurar que sexa tempo con calidade de vida. Con este compromiso traballamos cada día dende o Concello de Monforte, e tamén dende a Deputación de Lugo, para proporcionar servizos públicos de calidade que favorecen o benestar das persoas. Como se adoita dicir: darlle anos á vida e vida aos anos”.

Nas súas palabras fixo unha defensa da sanidade pública, gratuíta, de calidade e universal. “Unha sanidade que chegue por igual a todos e todas os veciños, vivan no urbano ou no rural, porque, se os centros de saúde ou os hospitais non teñen o persoal que necesitan, sofre a saúde das persoas e sofre a saúde do persoal sanitario, obrigado a traballar cun sobresforzo permanente”.

A Deputación destina un total de 91.000€ ao programa Xunt@s que está organizado da man dos concellos, consiste nunha serie de 125 xornadas temáticas gratuítas, que se celebrarán ata xuño por toda a provincia, e que teñen que ver coa saúde, co deporte ou coas novas tecnoloxías. 


Calendario do mes de abril

Para o resto do mes de abril as sesións previstas por concellos son as seguintes:

Burela
11/04/2024 - 17:00 horas
Envellecer de forma activa. Salón de conferencias

Lourenzá
24/04/2024 - 18:00 horas
Nutrición e hábitos saudables. Salón de actos da Casa do Concello

Navia de Suarna
16/04/2024 e 23/04/2024 - 18:00 horas
Xornadas TIC. Salón de plenos da Casa do Concello

Ourol
19/04/2024 - 17:00 horas
Nutrición e hábitos saudables. Edificio Multiusos

Pol
15/04/2024 - 18:00 horas
Envellecer de forma activa. Centro Sociocultural de Mosteiro

Ribas de Sil
11/04/2024 - 10:30 horas
Xornada TIC. Salón de actos da Casa do Concello


Ribeira de Piquín
25/04/2024 - 11:30 horas
Conferencia  “Ameazas para a saúde no futuro. É bo vacinarse?” Impartida pola Dra. Raquel Barbosa Lorenzo, xefa da Unidade de Medicina Preventiva do Hospital da Costa de Burela. Centro de día municipal

Vilalba
24/04/2024 - 18:00 horas
Envellecer de forma activa. Casa Escola de Ladra

Xermade
17/04/2024 - 16:00 horas
Nutrición e hábitos saudables. Biblioteca de Xermade

A Pontenova
05/04/2024  e 12/04/2024 - 10:30 horas
Xornadas TIC. Casa da Cultura

 

Xunt@s Monforte