Deputación de Lugo

O Presidente ratifica o apoio da Deputación de Lugo á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

Ribeira Sacra
candidatura
patrimonio da humanidade
José Tomé Roca subliñou o respaldo e implicación total da institución provincial co recoñecemento, que impulsou a propia entidade no 2011 liderando unha campaña de mobilización institucional e social coa que recolleu máis de 40.000 firmas

O Deputado de Promoción Económica e Social participou este luns na xuntanza que tivo lugar no Centro de Inmersión Lingüístico dos Peares para avaliar a situación actual da candidatura e explicar cales serán os próximos pasos que se levarán a cabo
Xuntanza nos Peares

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, ratificou este luns o apoio da institución provincial para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade, tras o acordo unánime do Consello de Patrimonio Histórico de nomeala  candidata de España a este recoñecemento da UNESCO no ano 2026.

José Tomé subliñou o respaldo e implicación total da Deputación para que a Ribeira Sacra reciba este prestixioso recoñecemento internacional, que “precisamente impulsou esta institución provincial, baixo a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro, liderando unha campaña de mobilización institucional e social en favor da candidatura coa que recolleu máis de 40.000 firmas nun autobús que percorreu a xeografía galega e do resto de España”.

O Presidente valorou o impacto positivo desta declaración en termos de promoción turística e de xeración de riqueza para o territorio, argumentando que “a Ribeira Sacra non necesita ningún carné, pero é verdade que este recoñecemento axuda á promoción a nivel mundial e suporía un empuxón máis de cara a que a Ribeira Sacra sexa máis coñecida, máis visitada e mellor valorada”.

“Agora toca facer unha boa labor didáctica por parte da Xunta de Galicia, porque esta proposta elaborouna o Goberno galego”, explicou o Presidente. Foi crítico co Executivo autonómico por non ter contado cos concellos do territorio para a nova proposta, pero destacou que “o importante é que saia adiante, e que non pase como pasou hai uns anos, que chegou a comisión de ICOMOS e fixeron unha proposta negativa porque non se fixeron ben as cousas”. Engadiu que no seu momento foi un acerto retirar a tempo a candidatura porque se non sería imposible volver a optar a ela o vindeiro ano 2026.

Precisamente, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este luns na xuntanza que tivo lugar no Centro de Inmersión Lingüística dos Peares para avaliar a situación actual e explicar cales serán os próximos pasos que se levarán a cabo ao respecto da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Un encontro no que participou o Conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, o Presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, alcaldes e representantes de entidades desta comarca que conforman as provincias de Lugo e Ourense.

Na liña do que manifestou o Presidente, Rivera Capón valorou que “unha retirada a tempo pode ser unha vitoria”. “Agora temos unha oportunidade de comunicar ben o que temos e de poñer en valor algunhas cuestións que restaron no seu momento, como as centrais hidroeléctricas, que forman parte da configuración da nosa paisaxe e contribuíron ao desenvolvemento da zona”, afirmou o Deputado, quen engadiu na reunión que é importante para o éxito da candidatura a implicación de todas as administracións e do tecido social, explicando ben o proxecto a todos os axentes involucrados.