Deputación de Lugo
Economía
Turismo

O Presidente da Deputación destaca o Queixo San Simón da Costa como mostra do “enorme potencial do noso sector primario para xerar riqueza no rural”

Festa Queixo San Simón da Costa
Vilalba
José Tomé Roca compartiu cos milleiros de veciños e visitantes o día grande da XXVIII Festa do Queixo San Simón da Costa, onde felicitou á Asociación de Queixeiros e á Alcaldesa polo novo éxito de convocatoria da feira, que acolle a capital chairega esta fin de semana

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto coa Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, compartiu cos milleiros de veciños e visitantes o día grande da XXVIII Festa do Queixo San Simón da Costa que acolle a capital chairega esta fin de semana. José Tomé percorreu os postos dos sete queixeiros do municipio que estes días poñen á venda na Praza da Constitución 5 mil quilos deste afamado queixo afumado producido por 376 gandeirías inscritas na Denominación de Orixe Protexida. 

O mandatario provincial destacou o Queixo San Simón da Costa como “unha das mellores mostras do enorme potencial do noso sector primario, dos produtos locais diferenciados e de calidade, para xerar riqueza e emprego no noso rural”, sinalando o  importante retorno económico alcanzado o pasado ano, cando se superaron as 600.000 pezas de queixo vendidas e unha facturación de máis de 5 millóns de euros, “ao que hai que engadir o impacto desta actividade en termos de promoción da riqueza e diversidade da comarca da Chaira e de toda a provincia, o que se traduce tamén na dinamización do turismo”. 

O Presidente puxo en valor ogran poder de convocatoria que ano tras ano rexistra a Festa que acolle a capital chairega, un “éxito” polo que felicitou á Asociación de Queixeiros de San Simón e ao Concello de Vilalba, coa súa Alcaldesa á fronte, pois  “atopan novas formas de poñer en valor aquelo que sempre estivo con nós”. 

José Tomé asegurou que o modelo de desenvolvemento que representa a produción do Queixo San Simón da Costa e a propia feira que exalta este produto e promove a súa comercialización e consumo concorda coas políticas que promove a Deputación de Lugo, “onde estamos facendo unha clara aposta por apoiar a actividade do sector primario, tanto agrogandeira, como forestal e do mar, e por impulsar un turismo de  calidade e sostible, que coida o patrimonio e deixa valor no territorio”.

Ademais dos sete produtores locais, a XXVIII Festa do Queixo San Simón da Costa conta con máis de medio centenar de stands procedentes de toda España que poñen á venda outros produtos de alimentación. Polo recinto feiral pasaron esta fin de semana milleiros de persoas e visitantes para desfrutar dun amplo programa de actividades para todos os públicos.