Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación colabora na ampliación da rede de saneamento na parroquia de Vieiro, que impulsa a Concellería de Obras de Viveiro

RURAL
VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Viveiro
SANEAMENTO
VIEIRO

A área de Rural financiará tamén o acondicionamento dunha pista en Fontecova

A Concellería de Obras do Concello de Viveiro extenderá a rede de saneamento a vivendas da Igrexa, na parroquia de Vieiro, co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O vicepresidente da Deputación Efrén Castro, o deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García, a tenente de alcaldesa Miriam Bermúdez, e Ramón Martínez, concelleiro de Medio Rural , achegáronse esta mañá ata a zona onde se están a desenvolver as obras.

Os traballos previstos consisten na extensión da rede de saneamento mediante a instalación dunha tubaxe pola vía municipal que comunica as vivendas e dá acceso a varias parcelas agrícolas. A rede, que se instalará a un metro de profundidade, rematará nunha estación de bombeo de augas residuais de nova construción executada en polietileno, que se conectará ao colector xeral que evacúa as augas ata a EDAR de Celeiro.

A tenente de alcaldesa Miriam Bermúdez explicou que “a extensión da rede de saneamento prestará servizo a cinco vivendas, aumentado a calidade dos servizos para as persoas que viven aquí e mellorará a calidade medioambiental na zona,  xa que esta actuación tamén evitará o vertido de augas residuais directas ao medio, sen depurar”

O deputado de Rural Daniel García sinalou que “a extensión dos sistemas de saneamento e abastecemento supoñen un grande esforzo económico para os concellos con amplas zonas rurais, polo que a colaboración entre administracións resulta fundamental” e sostivo que “a mellora dos servizos é imprescindible para que as zonas rurais sigan mantendo a poboación e a actividade produtiva”

As obras, que teñen un prazo de execución dun mes, supoñen un investimento de 48.270€.

Reparación da pista de Fontecova

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a área de Medio Rural do Concello de Viveiro tamén asinaron un convenio de colaboración para o acondicionamento da pista de Fontecova, na parroquia de Viveiro.

Trátase dun vial de titularidade municipal que serve como acceso a unha zona de gandería, moi deteriorado polo tránsito de maquinaria agrícola. As obras, adxudicadas cun investimento de 41.250 euros, suporán a rehabilitación completa da pista, con aglomerado en quente, limpeza de cunetas e pintado de marcas viais e sinalización vertical.