Deputación de Lugo

A Deputación arranca as obras para reparar un tramo da estrada provincial que une Bóveda e Monforte

REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
Estes traballos, nos que a institución provincial inviste 120.000€, teñen un prazo de execución de mes e medio e consisten na apertura de cunetas, aglomerado en quente e reposición da sinalización entre os quilómetros 8,319 e 10,709

A Deputación de Lugo vén de arrancar as obras de reparación dun tramo da estrada provincial LU-P-0901 que conecta os concellos de Bóveda e Monforte de Lemos pola parroquia de Ribas Pequenas. Estes traballos, que contan cun investimento da institución provincial de 120.000€, afectan ao treito que vai do punto quilométrico 8,319 ao 10,709.

Esta actuación consiste na apertura de cunetas, eliminando a vexetación e a terra sobrante; no aumento da lonxitude da cuneta en 15 metros e medio; na pavimentación do firme cunha capa de aglomerado en quente e na reposición da sinalización horizontal mediante o pintado da vía con marcas reflexivas brancas. Os traballos contan cun prazo de execución de mes e medio.

Son unhas obras importantes para a comarca da Ribeira Sacra porque esta estrada provincial comunica media ducia de parroquias e tamén dá servizo ao Pazo de Tor, un recurso turístico e un polo de atracción de visitantes situado no concello de Monforte de Lemos.