Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Medio milleiro de inscricións na Ancares Marathon Cycling, que se celebrará o 8 de agosto co apoio da Vicepresidencia

Delio Fernández, Álvaro Pino ou Iván Raña participarán na proba, que xa confirmara a presenza de Miguel Induráin e Carlos Sastre

Na xornada previa realizarase unha proba de antíxenos a cada unha das persoas participantes

490 persoas inscríbíronse para participar na primeira edición da Ancares Cycling Marathon, que se celebrará o domingo 8 de agosto nas estradas da comarca co apoio da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Á presenza de Miguel Induráin e Carlos Sastre, anunciada na presentación do evento, súmase a de ciclistas profesionais en activo, coma Delio Fernández e Gonzalo Rabuñal, e referentes do deporte galego coma Álvaro Pino ou o triatleta Iván Raña.

A posibilidade de rodar a carón de ciclistas de renome e os recursos paisaxísticos e culturais dos Ancares, con “estradas que tocan o ceo”, son os grandes reclamos do gran fondo organizado polo Club Ciclista Cidade de Lugo, que pasará polos concellos de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna.

O 70 por cento das persoas inscritas son de Galiza, mais tamén se anotaron participantes de Asturias , Castela e León, Madrid, Cataluña ou Euskadi.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, subliñou “a boa acollida que tivo a proba entre os afeccionados ao ciclismo” e mostrouse convencido de que “se trata dunha oportunidade única para proxectar a comarca dos Ancares como destino para o turismo deportivo. A proba servirá para que as persoas que disfrutan do ciclismo veñan non só este domingo senón o resto do ano”.

Proba de antíxenos ás persoas asistentes

A Ancares Cycling Marathon desenvolverase atendendo a un protocolo específico de prevención contra a Covid 19, que inclúe a realización dunha proba de antíxenos.

O test realizarase na xornada previa, o sábado, na praza do mercado gandeiro de Pedrafita do Cebreiro. Os participantes chegarán en vehículo, onde se procederá ao seu rexistro e farase a toma de mostras. Deberán permanecer dentro do vehículo, nun aparcamento de espera, ata recibir o resultado negativo no seu teléfono.

Co resultado negativo, poderán dirixirse á oficina permanente para a recollida do dorsal e a bolsa do corredor. No caso de que o resultado sexa positivo, o participante debe poñerse en corentena e este feito será comunicado ás autoridades sanitarias.

O día do evento facilitarase a distribución de áreas para evitar aglomeracións e limitar interaccións. Lémbrase a necesidade de manter a distancia de seguridade e a hixiene frecuente de mans, para o que haberá  dispensadores de xel  hidroalcohólico.

A máscara será de uso obrigatorio no recinto e ao comezo da carreira, durante a saída neutralizada e durante os avituallamientos. Só poderá retirarse tras a saída real e o participante volverá poñerlla tras cruzar a meta. Os puntos de avituallamiento serán de uso individual. Non se permitirá o acceso de público á zona delimitada de inicio e fin da carreira.

Dous percorridos: 126 e 94 quilómetros

O percorrido deseñado para o Ancares Cycling Marathon está pensado para persoas afeccionadas ao ciclismo con certo nivel de adestramento previo, con dous percorridos alternativos con distintos niveis de esixencia.

A proba raíña será de 126 quilómetros, con inicio en Pedrafita do Cebreiro. Os participantes transitarán polos concellos das Nogais e Becerreá, onde se iniciará a ascensión do Alto dos Sete Carballos, de 1.320 metros de altitude, o máis elevado do percorrido e, sen dúbida, o de máis dureza, cun desnivel que alcanza por momentos o 11%.

A continuación, os participantes enfrontaranse ao Alto da Pitinidoira (1.216 m) e, posteriormente, ao Alto de Villasol (1.176m.), situado a só 16 quilómetros do final da proba. Un último esforzo levará de novo ao pelotón cara arriba, ao Alto do Cebreiro, desde Barxamaior (1.302m.), onde o final está previsto nas propias rúas do Cebreiro.

As persoas que opten polo percorrido de medio fondo, de 94 quilómetros, ascenderán só os dous primeiros (Sete Carballos e A Pitinidoira) para, neste último e sen apenas baixada, dirixirse ade Pedrafita e acabar no Cebreiro pola súa vertente máis dócil.