Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Os participantes no taller de actividades artísticas de COGAMI presentan os seus traballos

COGAMI
Pablo Rivera Capón
O Deputado de Promoción Económica e Social participou no acto, celebrado vía telemática, que serviu para darlle visibilidade a esta actividade que desenvolve dende hai seis anos en Lugo a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, coa que a institución provincial colabora cunha achega de 35.000€

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes nun encontro celebrado vía telemática no que presentaron os seus traballos os usuarios e usuarias do taller de actividades artísticas do centro de día que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten en Lugo dende hai seis anos.

Esta actividade busca potenciar a independencia funcional, así como as aptitudes cognitivas, comunicativas e físicas para mellorar a integración social dos usuarios e usuarias. Os participantes realizan obras plásticas (pintura, costura, modelado e pirogravado, entre outras), que logo expoñen, ademais de desenvolver encontros e proxectos con artistas recoñecidos. 

O acto de hoxe, organizado pola Federación de Asociacións do Ámbito Social de Lugo (FADAS), serviu para darlle visibilidade á actividade de COGAMI, entidade coa que a institución provincial colabora cunha achega de 35.000€ para os gastos de funcionamento das instalacións de atención terapéutica que ten en Fingoi, e que actualmente atende a 26 persoas. A Deputación tamén achega 10.000€ para o labor que desenvolve FADAS.

Este centro de COGAMI completa outros servizos cos que conta a organización noutros puntos da provincia, como o servizo de intermediación laboral ou obradoiros de formación, entre outros. Os usuarios e usuarias realizan actividades de formación básica e instrumental relacionadas coa mellora de autonomía persoal, alimentación e hábitos de coidado, ou visitas culturais. 

Por outra banda, a Deputación colabora con 38.000 euros con COGAMI para o obradoiro formativo na comarca da Ulloa no que participan 13 usuarios de Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla. Os usuarios realizan obradoiros de papel reciclado, encadernación artesanal, serigrafía ou monicreques co fin de facilitarlles a incorporación ao mundo laboral.