Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Recursos Humanos

A Deputación avanza no seu compromiso de abrir a residencia de Navia de Suarna este ano

Xunta de Goberno
Navia de Suarna
centro de maiores
Rolda de Prensa Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno aprobou o convenio marco de colaboración da institución provincial co Concello para a posta en marcha e funcionamento do Centro de Atención a Maiores naviego

O acordo establece a xestión pública desta dotación social e dá prioridade no acceso ás prazas á veciñanza de Navia, seguido das persoas dos municipios limítrofes ou da comarca, e das do resto da provincia, o que garante o arraigo dos usuarios

A Deputación investiu 1M€ e o Concello achegou 200.000€ para a construción das instalacións, que ofrecerán 30 prazas de residencia e 20 de centro de día

Aprobado o Plan de Seguridade e Saúde das obras de mellora de 4,5 quilómetros da estrada provincial de Panchita a Oleiros, en Vilalba, nas que a institución investirá máis de 150.000€

A Deputación creará unha lista de emprego temporal de técnico superior deportivo para desenvolver actividades de turismo deportivo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou “un paso moi importante para cumprir co noso compromiso de abrir este ano o Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna” coa aprobación na Xunta de Goberno do convenio marco de colaboración entre a institución e o Concello para a posta en marcha e funcionamento da residencia deste municipio da Montaña. 

Tomé Roca explicou que o acordo “establece a xestión pública do centro de maiores e, tamén, que no acceso ás prazas terán preferencia os veciños e veciñas deste municipio; en segundo termo, persoas dos municipios limítrofes ou da comarca; e logo os veciños do resto da provincia”. “Isto fai posible un dos obxectivos fundamentais da nosa rede de residencias públicas, que as persoas maiores manteñan o arraigo, permanecendo no lugar ou na comarca na que viviron toda a vida”, asegurou o Presidente.

O convenio marco recolle que cada administración comprométese a axudar no financiamento do custe das prazas. En concreto, a Deputación asumirá o 75% da diferenza entre o custe efectivo do servizo e o prezo que pagarán os usuarios e, o restante, o 25%, correrá a conta do Concello. Desta maneira, todas as persoas poderán optar a unha praza, independentemente da súa situación económica, xa que pagarán en función dos seus recursos. Así mesmo, a institución provincial será quen actúe como órgano de contratación e creará un equipo técnico especializado nos servizos sociais. 

Así mesmo, en función deste convenio, a Deputación de Lugo e o Concello de Navia de Suarna asumen o compromiso de reclamarlle á Xunta de Galicia o custe das prazas. “É dicir, reclamarlle á Xunta que cumpra a Lei de Servizos Sociais de Galicia, no artigo 65 bis, que obriga á comunidade autónoma a asinar convenios de colaboración coas entidades locais para a creación, a xestión e o mantemento dos servizos sociais”, concretou. 

A Deputación de Lugo investiu 1M€ na construción do Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna, e o Concello achegou 200.000€. Este centro, ao que só falta rematar co equipamento, contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. 

Na actualidade, a Deputación de Lugo ten en funcionamento 5 centros nas localidades de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde, e ten a previsión de contar a final de ano tamén coa de Pedrafita do Cebreiro, Meira e Navia de Suarna. 

Obras en Vilalba
A Xunta de Goberno deste venres aprobou tamén o Plan de Seguridade e Saúde das obras de mellora de 4,5 quilómetros da estrada LU-P-6510, que une os núcleos de Panchita e Oleiros, no concello de Vilalba. Este é o último trámite administrativo que permitirá comezar de inmediato uns traballos nos que a institución inviste máis de 150.000€. 

As obras consisten na reapertura de cunetas, renovación do pavimento con aglomerado en quente, e a súa correspondente sinalización horizontal, e pintado de marcas reflexivas brancas. O prazo de execución é de 9 meses. 

Convocatoria de emprego
En materia de emprego, a Xunta de Goberno aprobou a convocatoria para a creación dunha listaxe de emprego temporal para o posto de Técnico Superior Deportivo – Actividades de Turismo Deportivo. Nos vindeiros días sairán publicadas as bases e a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. 

O Presidente explicou que este proceso responde “ó noso compromiso de impulsar a promoción do territorio a través do turismo. Queremos reforzar o equipo que traballa na área de Turismo para dinamizar o turismo deportivo como unha oportunidade no novo escenario que xurdiu coa pandemia da Covid-19”.