Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación achega 73.000 euros a COGAMI para a atención de 39 usuariose usuarias

COGAMI
discapacidade
O Presidente renovou a colaboración da institución provincial co funcionamento do Centro de Atención Diúrna Terapéutica, que atende a 26 persoas, e co taller prelaboral na comarca da Ulloa, no que participan 13 usuarios

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, asinou co presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Anxo Antón Queiruga Vila (COGAMI), e copresidente desta entidade social en Lugo, JoséLuis Lolo Celeiro, dous convenios de colaboración a través dos que a institución provincial achega 73.000 euros para a atención dos seus usuarios e usuarias. 

Por unha banda, a institución provincial destina 35.000 euros a COGAMI para colaborar co Centro de Atención Diúrna Terapéutica Fingoi-Lugo, que actualmente atende a 26 persoas. A través desta axuda,os usuarios e usuarias realizan actividades que potencian a independencia funcional; así como as aptitudes cognitivas, comunicativas e físicas para mellorar a participación social na súa contorna a través da mellora dun desenvolvemento autónomo. 

Este centro completa outros servizos cos que conta a entidade noutros puntos da provincia, como o servizo de intermediación laboral ou obradoiros de formación, entre outros. Os usuarios e usuarias realizan actividades de formación básica e instrumental relacionadas coa mellora de autonomía persoal, alimentación e hábitos de coidado, actividades artísticas ou visitas culturais. 

Por outra banda, a Deputación colabora con 38.000 euros con COGAMI Lugo para o obradoiro prelaboral na comarca da Ulloa no que participan 13 usuarios de Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla.Os usuarios realizan obradoiros de papel reciclado, encadernación artesanal, serigrafía ou monicreques co fin de facilitarlles a incorporación ao mundo laboral.

COGAMI
COGAMI nace no ano 1990 para dar solución ao illamento no que vivían a maioría das persoas con capacidades diferentes, especialmente no ámbito rural. A misión de COGAMI é conseguir a plena inclusión dos seus usuarios e usuarias en todos os ámbitos da sociedade a través da defensa e promoción dos seus dereitos, a reivindicación do cambio social, a potenciación e a coordinación do asociacionismo, e a prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas.