Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente anuncia o remate do ensanche da estrada provincial LU-P-1201, que une Baralla, O Corgo e Castroverde

Castroverde
Rede provincial de estradas
José Tomé subliña que con esta actuación, que afecta a uns 1,5 quilómetros -entre os núcleos de Coto, no Corgo, e de Agustín, en Castroverde-,“resólvese un problema que se arrastra dende o ano 2003, cando se expropiaron os terreos para acometer esta obra”

O mandatario provincial avanzou que o proxecto xa está redactado e en proceso de revisión para a súa aprobación proximamente na Xunta de Goberno. O investimento da Deputación superará os 400.000€

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este venres o remate do ensanche da estrada provincial LU-P-1201, de Sobrado a Souto de Torres, unha vía que une e vertebra os concellos de Baralla, O Corgo e Castroverde. Tomé Roca, responsable da área de Xestión Territorial, avanzou a realización deste proxecto durante a visita que realizou esta mañá a Castroverde, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Alcalde da localidade e Deputado de Cooperación cos Concellos, Xosé María Arias.

José Tomé subliñou que con esta actuación, que afecta a uns 1,5 quilómetros da estrada, en concreto, entre os núcleos de Coto, no Corgo, e de Agustín, en Castroverde, “resólvese un problema que se arrastra dende o ano 2003, cando se expropiaron os terreos para acometer esta obra”.

O mandatario provincial avanzou que o proxecto xa está redactado e en proceso de revisión para a súa aprobación proximamente na Xunta de Goberno. O investimento da Deputación superará os 400.000€.

Para realizar esta obra, explicou José Tomé, será preciso facer unha nova ponte no lugar de Agustín, para o que será preciso solicitar o correspondente permiso á Confederación Hidrográfica do Miño Sil,“que esperamos que sexa concedido o antes posible para que, unha vez licitada, se poida executar a obra na primavera do 2021”.

A Deputación está na actualidade acometendo a última fase das obras de ampliación e mellora doutro tramo desta mesma estrada, de máis de dous quilómetros, en concreto,  entre Souto e o polígono industrial de Castroverde, nas que inviste 380.000€. Na actualidade, estase traballando na construción dunha nova ponte sobre o río Chamoso coa previsión de que as actuacións estean rematadas a mediados de outubro.

A estrada provincial LU-P-1201, de 16 quilómetros de lonxitude, une sete parroquias de Castroverde e comunica esta localidade coa LU-630 á Fonsagrada e coa autovía e a N-VI, polo que o remate do seu ensanche comprometido polo Presidente mellora as comunicacións de numerosos veciños e veciñas e, con elo, a súa calidade de vida, ademais de contribuír á vertebración do territorio do municipio e ao seudesenvolvemento social e económico.

Aproveitando a visita a Castroverde, o Presidente estivo coa Deputada de Réxime Interior e co Alcalde na parroquia de Miranda, onde se comprometeu a realizar obras de mellora no xiro da curva no cruce da LU-P-1201 cunha vía municipal á altura deste núcleo e a canalización das augas pluviais.

Así mesmo, José Tomé avanzou que a Deputación procederá á mellora da condución de augas pluviais na estrada provincial que atravesa o núcleo de Serés cunha cuneta tendida de formigón.