Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Infraestruturas

Deputación e Concello de Castroverde asinan o convenio específico para a apertura da residencia

centro de maiores
Castroverde
Residencias
O Presidente da Deputación, José Tomé e o Alcalde de Castroverde, Xose María Arias formalizan o último trámite interadministrativo previo á apertura do centro de maiores desta localidade
O Presidente e o Alcalde formalizaron este martes o último trámite interadministrativo previo á apertura do centro. Nos vindeiros días abrirase o prazo para que as persoas interesadas soliciten a súa praza

Tomé Roca explica que se establece a prioridade de acceso para os veciños e veciñas de Castroverde; en segundo termo para os dos municipios limítrofes ou da comarca; e despois, para os veciños da provincia en xeral

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, asinaron este martes o convenio específico para a posta en marcha do Centro de Atención a Maiores da localidade. Este é o último trámite interadministrativo entre ambas institucións antes de proceder á apertura da residencia. 

Tomé Roca explica que “nos vindeiros días abrirase o calendario administrativo para a solicitude de praza para que as persoas interesadas poidan presentar as súas instancias de solicitude”. O Centro de Maiores de Castroverde contará con 30 prazas de residencia e 24 de centro de día.

O mandatario provincial subliña que dende a institución provincial “avanzamos e cumprimos co compromiso que adquirimos cando aprobamos os Orzamentos 2020 de abrir as residencias de Castroverde e Pedrafita do Cebreiro antes de que remate o ano e nese camiño estamos, sempre e cando as condicións sanitarias nolo permitan”.  “Neste ano que levamos de mandato aprobamos o convenio marco da residencia de Castroverde, tamén o Concello aprobou a ordenanza reguladora do servizo e acabamos deasinaro convenio específico”, explicou Tomé Roca. 

Este acordo establece a prioridade de acceso ás prazas para os veciños e veciñas de Castroverde; en segundo termo para os dos municipios limítrofes ou da comarca; e despois, para os veciños da provincia en xeral. Así mesmo, recolle que a Deputación se compromete a efectuar o financiamento previsto, a actuar como órgano de contratación e a impulsar un equipo técnico especializado no ámbito dos servizos sociais. E pola súa banda, o Concello comprométese a colaborar coa institución provincial e a facer as achegas económicas previstas. 

Ademais, o Presidente avanzou que nas vindeiras semana, a Deputación sacará a contratación a prestación pública deste novo servizo, e tamén está previsto aprobar o orzamento total estimado para os primeiros 4 anos de funcionamento do centro, que ascende a preto de 2,3 millóns de euros. 

Tomé Roca lembra que “no que levamos de mandato abrimos a residencia da Fonsagrada, licitamos o equipamento da de Pedrafita do Cebreiro, iniciamos os traballos da residencia de Guitiriz na Casa da Botica, recibimos as obras da residencia de Meira, adxudicamos as obras da de Portomarín, asinamos un protocolo para construír a de Pantón, ademais de prorrogar os convenios das de Becerreá e O Courel e temos previsto sacar de novo a licitación os traballos da da Pobra do Brollón”. En canto ao ano que vén, o mandatario provincial avanzou que “poderán entrar en funcionamento os centros de maiores de Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil, que teñen as obras dos edificios acabadas”. 

Os centros da Deputación de Lugo teñen unha filosofía propia, que lle dá valor á proximidade coas persoas e cunha atención de calidade. “O modelo radica nunhas infraestruturas pensadas para poucos usuarios nas que se garante que os maiores reciben os coidados e os servizos que precisan e aos que teñen dereito, preto do seu lugar de residencia. Permitimos que cada persoa poida seguir vivindo no lugar no que fixo a súa vida, convivindo cos seus veciños e veciñas e atendidos por persoal que na súa maioría é da súa contorna e que mesmo coñecen”, manifestou.