Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Formación

O Presidente asina co reitor da USC un convenio co que a Deputación achega 380.000€ para potenciar o Campus

José Tomé Roca
USC
Campus Terra
José Tomé, dentro do compromiso da institución provincial coa educación pública e de calidade, renovou a colaboración co Campus de Lugo, “cunha importancia estratéxica para a provincia” como “fonte de coñecemento e de dinamismo social e económico”

Antonio López agradeceu á Deputación o apoio para continuar cun plan do que salientou a importante rendibilidade social que reporta á provincia

O acordo servirá para seguir promovendo Lugo como destino universitario, axudar á captación de estudantes doutras nacionalidades, o fomento das titulacións de máster e o apoio á realización das prácticas, así como á mellora das instalacións universitarias

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, asinou este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 380.000 euros e a USC 50.000 para seguir potenciando o Campus de Lugo.

Neste acto tamén participaron o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, e a Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Monserrat Valcárcel Armesto.

O Presidente enmarcou este acordo no firme compromiso da Deputación coa educación pública e de calidade, “a mellor inversión de futuro”, subliñou. José Tomé lembrou que a Deputación aposta por este plan dende o ano 2014 e destacou a “importancia estratéxica que ten para a provincia” contar co Campus, por supoñer, “non só fonte de coñecemento, senón tamén de actividade, de dinamismo social e económico”, ademais de “favorecer a igualdade de oportunidades, primar a investigación e a innovación e canalizar o coñecemento cara o tecido social e produtivo para impulsar a súa competitividade e desenvolvemento sostible, sobre todo en eidos fundamentais da nosa economía, como o agrogandeiro e forestal”.

Por todo isto, engadiu o Presidente, “podemos dicir que a Universidade é sen dúbida unha das primeiras empresas da provincia. Unha das que ten un maior efecto dinamizador, maior capacidade para xerar riqueza”. De feito, lembrou, a nivel estatal, “o impacto das universidades públicas na economía española cífrase nuns 50.000 millóns de euros e cada euro investido na universidade pública xera un retorno de 4,3 euros ás arcas do Estado en forma de impostos”.
As actuacións que inclúe o novo convenio de colaboración da Deputación coa USC teñen como obxectivo potenciar o Campus de Lugo como un referente científico e social nos ámbitos máis representativos da provincia. “As accións que se impulsarán neste novo curso seguirán na liña de  promover Lugo como destino universitario, axudar á captación de estudantes doutras nacionalidades, o fomento das titulacións de máster e o apoio á realización das prácticas, así como á mellora das instalacións universitarias”, destacou o Presidente. 

“O que queremos, en definitiva, é seguir axudando a potenciar a excelencia do Campus de Lugo, a que a facultade de Veterinaria manteña o seu merecido prestixio internacional. Seguir apostando pola innovación ligada ó rural, como facemos coas colaboracións que mantemos na Granxa Gayoso Castro ou na Granxa Experimental de Leite. Seguir axudando á que as PEMES poidan acceder á investigación. Queremos seguir apostando polo carácter universitario de Lugo para manter viva a nosa tradición, pero sobre todo, para manter aberto o noso futuro”, explicou José Tomé.

Retorno social e económico
Pola súa banda, o reitor da USC manifestou de xeito público a gratitude da USC pola sensibilidade mostrada pola Deputación de Lugo co seu campus universitario a través da renovación dun acordo do que salientou a súa rendibilidade social. López remarcou neste senso que a educación e o I+D deben entenderse como inversión e non como gasto para, de seguido, subliñar o importante retorno social e económico que reporta á sociedade luguesa o seu campus universitario.
A pegada do campus de Lugo na sociedade que o acolle, sinalou Antonio López, ten repercusións directas na súa actividade económica, ao tempo que contribúe á dinamización dos ritmos sociais e culturais e, nunha fase posterior, á actividade empresarial.  O reitor fixo fincapé nas múltiples contribucións que reporta a formación e a transmisión de coñecemento, así como a actividade investigadora e de emprendemento na modernización e no desenvolvemento dos diversos sectores produtivos.
A incidencia do Campus de Lugo no sector primario, que é capital na provincia de Lugo, está visible tanto no perfil das súas titulacións de grao e posgrao como no proxecto de especialización do Campus Terra, dixo o reitor, para logo engadir que a granxa experimental de vacún de leite entrará en funcionamento en breve na finca da Gayoso Castro da Deputación de Lugo, reforzará aínda máis as ligazóns a transferencia de coñecemento desde a sede universitaria luguesa a gandeiros, agricultores, propietarios de montes e a todo o tecido empresarial.